Protestas contra a reforma das pensións, "unha ameaza" fronte á que a CIG pide intensificar a oposición

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, "temos en marcha unha campaña desde o mes de decembro, nos centros de traballo coas recollidas de adhesións dos comités de empresa".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2023 | Actualizada ás 14:36

Comparte esta noticia

Galicia viviu este mércores unha xornada de protestas contra a reforma das pensións capitaneada pola CIG, cuxo secretario xeral, Paulo Carril, mostrou o seu rexeitamento a "a ameaza que existe sobre unha reforma das pensións que leve a unha ampliación do período de cálculo aos 30 anos".

En declaracións aos medios en Ferrol, Carril advertiu de que, de levarse a cabo esta medida, "significaría que o incremento que levamos acumulado de preto dun 25% de caída da contía das pensións, como consecuencia da reforma do 2011, que aumentou de 15 a 25 os anos para o período de cálculo", pois significaría sumarlle ente un 6 e un 8% máis".

Carril participou nunha concentración que desenvolveron desde as 11,30 horas ante a sede do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), onde acudiu en compañía de delegados e afiliados nunha xornada que tamén se desenvolveu nas outras seis grandes cidades de Galicia, ademais de Ribeira e nas localidades pontevedresas de Lalín e Vilagarcía.

De forma previa ás concentracións, realizaron unha asemblea de delegados para abordar esta situación, na que Carril lembrou que "temos en marcha unha campaña desde o mes de decembro, nos centros de traballo coas recollidas de adhesións dos comités de empresa, contra ese intento de reforma das pensións que ademais se dá un momento de carestía da vida e da caída dos salarios enormes".

MOBILIZACIÓN

"Que despois dunha vida laboral de precariedade e miseria teñamos que atoparnos con que se pretende seguir avanzan en reformas que desmantelan o sistema público de pensións e que non garanta unha pensión mínima, parécenos que ten que ter unha resposta", esgrimiu.

Paulo Carril detallou que se trata da primeira mobilización no marco dun calendario que continuarán e intensificarán ata as últimas consecuencias se esta reforma das pensións que pretende o Goberno continúa con ela e leva para adiante, xa que "isto non pode quedar sen contestación".

Pola súa banda, o BNG apoiou as mobilizacións convocadas pola CIG e o seu deputado no Congreso, Néstor Rego, acudiu á concentración da capital galega. Así, expresou o "rexeitamento contundente" do Bloque á nova reforma das pensións impulsada polo Goberno por ser unha "proposta regresiva" e lembrou que xa na anterior crise económica ese período foi aumentado de 15 a 25 anos. "O BNG reclama que volva ser reducido e que se permita aos traballadores e traballadoras escoller os mellores anos para que non haxa ningunha perda de capacidade adquisitiva das pensións futuras", sentenciou.

Concentración convocada pola CIG en Ferrol contra a reforma do sistema de pensións.
Concentración convocada pola CIG en Ferrol contra a reforma do sistema de pensións. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta