"Manuel Murguía: da orixe da RAG á bandeira Galega", xornadas arredor do centenario do intelectual galego

O deseñador Pepe Barro presentará no encontro unha contribución sobre a bandeira de Galicia. Barro sostén partir de distintos documentos, que Murguía foi o creador do símbolo que chegou á actualidade.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/02/2023 | Actualizada ás 13:24

Comparte esta noticia

A Real Academia Galega abre esta tarde, (17:00 horas) as xornadas que organiza co gallo do centenario do pasamento do seu primeiro presidente, o escritor, historiador e político Manuel Murguía, cunha mesa redonda centrada na relación do homenaxeado coas institucións. O programa, coorganizado polas seccións de Historia e Literatura da Academia, arrinca na Fundación Luis Seoane da Coruña e continuará os xoves 9 e 16 de febreiro no paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela e na Fundación Rosalía, na Casa da Matanza de Padrón. As sesións teñen lugar co apoio económico da Xunta de Galicia e contan coa colaboración das devanditas entidades e do Concello da Coruña. Todos os encontros son de entrada libre ata completar a capacidade das salas. Poderán seguirse ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.

Manuel Murguía. RAG
Manuel Murguía. RAG

«As Xornadas Manuel Murguía  comezan o día do centenario do seu pasamento, que aconteceu o 2 de xaneiro de 1923. A RAG conmemora con elas a figura do seu fundador, pero a Murguía tamén lle debemos os alicerces históricos do galeguismo, así como símbolos da identidade galega», expresa a directora da Sección de Literatura, Marilar Aleixandre, encargada de moderar a mesa redonda de hoxe. «O programa trata de revelar a pluralidade e a complexidade da súa figura e obra. Murguía foi o pensador que construíu o paradigma do celtismo e do rexionalismo, foi unha personalidade clave na institucionalización da cultura galega e desempeñou tamén un papel importante nas relacións coa colectividade galega en América. A súa é unha vida moi completa que merece ser rescatada e lanzada cara ao futuro, cómpre traer ao primeiro plano un Murguía complexo, diverso e fundamental», engade o director da Sección de Historia, Ramón Villares.

Tras a inauguración, na que intervirán o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e Marilar Aleixandre, a académica correspondente Ana Romero Masiá abordará os precedentes da RAG. Deseguido o investigador Emilio Xosé Ínsua centrarase nos primeiros anos da Academia, sinalando os conflitos que viviu naquel momento, as limitacións que sufriu e tamén os logros; o académico Xosé Luís Axeitos analizará o ambiente político e cultural da Coruña na que se fundou a RAG e o deseñador Pepe Barro ofrecerá unha intervención sobre a bandeira galega.

ANTECENDENTES, ATRANCOS E LOGROS DA RAG

A RAG tamén coñecería importantes desavinzas entre os seus membros nos primeiros anos de vida das que falará Emilio Xosé Ínsua. «Murguía foi o principal obxectivo dunha parte da intelectualidade galega profundamente antirrexionalista e anticeltista que interpretou a fundación da Academia como un gromo separatista», recorda o investigador. Parte das voces que lideraron campañas contra a Academia e o seu presidente foran incluso nomeados membros da institución, como foi o caso de Celso García de la Riega, que renunciou ao seu escano, e José María Riguera Montero, quen liderou esta corrente e tamén fora nomeado académico correspondente. «Este sector intenta desprestixiar a Murguía e para iso acúsao de malgastar os cartos da institución, de meter colegas nela e de marxinar a xente que máis sabe».

No apartado dos acertos e dos logros, Emilio Ínsua sinala a posta en marcha do Boletín da Real Academia Galega que, malia nacer «en castelán e mirando ao pasado», é un recurso fundamental aínda hoxe para a investigación histórica e cultural; e mais a constitución da biblioteca a base de doazóns, compras e intercambios que conformaron «un fondo que ten un valor hoxe impagable en moitas ocasións ».

O académico Xosé Luís Axeitos abordará tamén  a fundación da Real Academia Galega deténdose no contexto cultural e político da Coruña do momento e poñendo o foco na relación co liberalismo e o nacionalismo. «Tanto a RAG coma a Academia da Lingua Vasca e o Institut d’Estudis Catalans aparecen en relación coa teoría do nacionalismo lingüístico de Herder, que sostén que o principal elemento diferenciador dunha nación é a lingua. A partir dela, todas as nacións pequenas viron no idioma o seu sostén maior», resume.

A BANDEIRA GALEGA DE MANUEL MURGUÍA E ROSALÍA DE CASTRO

Pepe Barro presentará no encontro unha contribución sobre a bandeira de Galicia. O deseñador sostén, a partir de distintos documentos, que Murguía foi o creador do símbolo que chegou á actualidade. «Ao longo do Rexurdimento sentiuse a necesidade dunha bandeira galega. No século XIX estaba estendida a vaga idea de que era branca, quizais coa cruz de Santiago no seu centro. Pero constituído o primeiro partido político galego, a Asociación Regionalista Gallega, no ano do seu máximo esplendor, 1891, Manuel Murguía crea a bandeira galega coa banda azul transversal sobre fondo branco. Iso é o que indica un documento que sinala a Murguía e á súa filla Alexandra como autores da bandeira, con ocasión da encomenda dun estandarte para o Centro Galego da Habana en 1891. E outro documento de 1892 explica como é a bandeira do dito estandarte», detalla.

Pepe Barro asegura ademais que existe unha imaxe desas bandeiras que desfilaron na Habana no IV Centenario do descubrimento de América e que informacións algo posteriores (1898) remiten ao traslado dos restos de Rosalía a Bonaval como o acontecemento no que por primeira vez loce a bandeira galega, en maio de 1891.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta