Formoso cre que a situación dos gobernos de Santiago e Ferrol non influirá sobre os resultados das municipais

O secretario xeral do PSdeG declarou que "logo se saberá" se opta á reelección nos comicios municipais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2023 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, restou importancia as situacións dos gobernos socialistas en Ferrol e Santiago e que cre que non terán consecuencias nas eleccións municipais do próximo mes de maio, para as que aínda existe a incógnita de se o propio Formoso optará á reelección como alcalde das Pontes, unha dúbida que este xoves non quixo despexar.

"Axiña se saberá", respondeu González Formoso ás preguntas dos xornalistas sobre o seu futuro na política local durante unha comparecencia de prensa celebrada na mañá deste xoves na sede do PSdeG de Santiago de Compostela.

Precisamente o goberno da capital galega --conformado en solitario polo Partido Socialista-- estivo no foco mediático nas últimas semanas polo caso da nave propiedade da empresa Desproi S.L., vinculada ao exconcelleiro de Medio Rural José Manuel Pichel, quen presentou a súa renuncia tras saír á luz que o seu departamento alugara á devandita empresa ese espazo.

A iso sumouse esta semana a dimisión de Maite Deus, ata o mércores concelleira de Economía e Facenda do Concello de Ferrol que encabeza o tamén socialista Ángel Mato, quen se viu obrigado a reorganizar as áreas do seu goberno a pouco máis de tres meses para a cita coas urnas.

Ante esta situación en dúas do cinco grandes galegas con Alcaldías socialistas, González Formoso restou peso ao posible impacto destas crises sobre as expectativas do PSOE para reter os gobernos de Ferrol e Santiago.

"A cidadanía galega de todas as vilas e cidades é unha sociedade moi madura, que viviu todo tipo de escenarios e situacións e que sabe distinguir o importante do anecdótico", subliñou o máximo responsable dos socialistas galegos, que defendeu a "fortaleza" dos "proxectos municipais" do PSOE en Santiago e Ferrol, cidades "con dous alcaldes magníficos".

Ao seu xuízo, quen "debe estar preocupado" é o Partido Popular porque "os seus proxectos son débiles a nivel municipal". Fronte a iso, remarcou que o PSOE "ten unha folla de ruta clara" que, segundo Formoso, plasma no seu traballo nas cidades de Ferrol e Santiago.

Tras apuntar que os gobernos e grupos municipais "teñen vida propia", o secretario xeral do PSdeG defendeu que "o escenario é moi positivo" tanto en Santiago como en Ferrol, pois a primeira conta con "un alcalde de referencia" como Xosé Sánchez Bugallo e a segunda "vive o período máis florecente da súa historia" grazas "aos investimentos" do Goberno.

SUBIDA SALARIO MÍNIMO

Por outra banda, González Formoso tamén quixo celebrar a subida do salario mínimo interprofesional a 1.080 euros, incremento anunciado esta semana polo presidente do Executivo central, Pedro Sánchez, e que beneficiará en Galicia a case 100.000 traballadores.

Formoso sinalou que desde a chegada de Sánchez a Moncloa en 2018 aumentou en 344 euros o SMI polos "94 euros" de aumento que houbo "no case oito anos de goberno" do popular Mariano Rajoy. "Esa é a diferenza cando goberna un partido que é sensbile cos traballadores", aseverou.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta