Aumentan os hospitalizados e os casos activos de Covid en Galicia

Só na área de Vigo se rexistrou un pequeno descenso

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2023 | Actualizada ás 12:10

Comparte esta noticia

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) notificou un novo ascenso dos casos activos de covid-19, ata os 654, mentres que tamén subiron lixeiramente os hospitalizados, a 119. De acordo cos datos publicados este venres polo Sergas, con cifras actualizadas ás 18,00 horas do xoves, nas últimas 24 horas contabilizáronse un total de 46 novos positivos por coronavirus.

Deste xeito, os casos activos --é dicir, a cifra de pacientes covid que hai na actualidade en Galicia-- subiron por segundo día consecutivo, neste caso en 25. Son 654 en toda Galicia. Tan só a área sanitaria de Vigo rexistra un lixeiro descenso, ata os 87, un menos, mentres que o seis restantes ascenderon.

Á cabeza segue A Coruña-Cee, con 142 pacientes covid (+5), seguida de Santiago-Barbanza con 122 (+5). Lugo-A Mariña-Monforte subiu a 100 (+2), Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras a 79 (+4), Pontevedra-O Salnés a 79 (+7) e Ferrol a 50 (+3).

En canto aos hospitalizados con coronavirus, o Sergas notificou este venres cinco máis, un total de 119. En concreto, subiron os que están en planta a 114 (+5), aínda que se mantiveron en cinco os de unidades de coidados intensivos.

Os ingresados creceron nas áreas da Coruña, a 31 (+1); Lugo, a 18 (+6); Pontevedra, a 17 (+3); e Vigo, a 16 (+2). Á súa vez, non variaron na de Ferrol, que seguen con oito, e diminuíron na de Ourense, a 15 (-2), e na de Santiago, a 14 (-5).

Traslado dun paciente con Covid ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo
Traslado dun paciente con Covid ao Hospital de Lugo.. Carlos Castro - Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta