Denuncian que a Xunta só busca un crecemento moderado da enerxía renovable en contra do Acordo de París

Organizacións ambientais sinalan que o goberno autonómico non fixo público o texto de dita axenda e sospeitan que non é un verdadeiro plan enerxético.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 06/02/2023 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

O Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) denuncia que a Axenda enerxética de Galicia 2030 da Xunta, presenta importantes lagoas e non foi obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica. Ademais, apuntan que o seu texto completo nin tan sequera foi divulgado publicamente logo da súa publicación "e o Observatorio Galego da Acción Climática (OGACLI) obtívoo só grazas á intervención da Valedora do Pobo".

Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez | Fonte: Xunta de Galicia.

Debido a isto, o OGACLI elaborou o documento “Axenda enerxética de Galicia 2030: unha folla de ruta incompleta cara a unha Galicia gris”, no que se analizan algúns aspectos da Axenda relevantes para o combate á emerxencia climática.

Entre os aspectos que critica OGACLI está que a Axenda enerxética de Galicia 2030 atrasa a neutralidade climática de 2040 a 2050 e non procura unha redución das emisións de gases de invernadoiro dun 65% en 2030, con respecto a 1990, polo que non está en liña coa meta máis ambiciosa do Acordo de París, evitar un quecemento global superior a 1,5⁰C.

Ademais, a Axenda nin precisa o mix enerxético (máis alá do eléctrico) nin estima as emisións de gases de invernadoiro asociadas a ese mix, nin para 2030, nin para 2050 e, por suposto, tampouco para anos intermedios.

O documento da Xunta non precisa a súa achega á redución das emisións totais de Galicia, "o que alimenta aínda máis a confusión e desinformación existente a respecto do obxectivo da Xunta". O obxectivo da actual Estratexia de Cambio Climático e Enerxía 2050 para 2030 (-24,5% das emisións totais en relación a 1990) non coincide co apuntado na Axenda enerxética 2030 e en declaracións recentes da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez (-55%).

A Axenda confórmase cun crecemento moderado da cota de renovábeis no consumo de enerxía final, que acadaría o 58% en 2030, 19 puntos máis que en 2019. Canto á participación das enerxías renovábeis no uso de enerxía primaria, que en 2019 foi tan só do 21,5%, a Xunta non fixou ningún obxectivo.

Finalmente, a Axenda descoida aspectos fundamentais para unha transición enerxética ecosocial. Por exemplo, non amosa un compromiso forte co autoconsumo e a creación de comunidades enerxéticas, ignora a educación ambiental como ferramenta estratéxica para conseguir o cambio social que require unha transición enerxética sustentábel a longo prazo, ou non contempla a participación de capital público no desenvolvemento renovábel, ao tempo que non cuestiona a presenza da Xunta no accionariado da gasística Reganosa. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta