O TSXG suspende tres anos a un profesor que agarrou do pescozo a un alumno que o insultaba

O alumno xa fora apercibido tras burlarse do docente noutras ocasións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2023 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou a un profesor que agarrou do pescozo a un alumno en Ortigueira a tres anos e un día de suspensión de funcións, así como a exclusión por igual tempo das listas existentes na Consellería de Educación para a cobertura temporal, en calidade de interino ou substituto, dos postos docentes.

Este fallo xudicial revoga a sentenza do 30 de decembro de 2021 do Xulgado do contencioso administrativo número 1 de Santiago de Compostela que impuña dez meses de suspensión. Esta resolución xudicial tiña estimaba o recurso que presentara o profesor ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación contra a decisión deste departamento autonómico.

A Xunta decidiu suspendelo tres anos e un día pola comisión dunha infracción moi grave, prevista no artigo 185.2.a de a Lei 2/2015, a cal se confirma agora pola sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Segundo recolle o fallo xudicial, o 2 de novembro de 2017 o profesor, funcionario interino que desempeñaba un posto de especialidade de tecnoloxía no IES de Ortigueira "agrediu" a un alumno, de 14 anos, "agarrándoo polo pescozo coa forza suficiente para deixar marcas visibles nel, á vez que lle gritaba en presenza de testemuñas". Foi precisa a presenza do director do centro para que o profesor cesase na súa acción, que ocorreu no recinto escolar, diante dos despachos da dirección e en xornada escolar.

O alumno foi trasladado, xunto co profesor, pola xefa de estudos do centro para falar co director. Previamente, o 30 de outubro, o profesor comunicara á xefa de estudos a existencia de burlas e insultos "reiterados" cara á súa persoa por parte de alumnado do centro, ante o que a dirección do centro abriu unha investigación e vixilancia nos cambios de clase e recreos.

INSULTOS E AGRESIÓN

O 2 de novembro, cando estaba en exercicio das súas funcións, o profesor "escoitou no patio do centro insultos e burlas dirixidos á súa persoa durante o primeiro recreo" e chamáronlle "Bárbara", momento en que o inculpado fixo responsable diso ao alumno agredido, posto que foi o único que identificou e púxolle un parte de conduta, á vez que requiriu a presenza do xefe de estudos.

Na sentenza, recóllese que, durante o percorrido, o alumno "ía protestando" mentres a xefa de estudos ordenáballe que "calase" e, chegados ao espazo situado á entrada dos despachos da dirección e fronte á entrada a sala do profesorado, a xefa de estudos deixou un momento ao profesor e alumno para reclamar a presenza do director, que se "achaba sentado fronte a un computador próximo á porta, instante en que houbo un curto intercambio de palabras entre alumno e profesor, cuxo contido non chegou a determinarse, tras o cal o profesor, súbitamente e sen mediar xesto algún de ameaza por parte do alumno, agarroulle polo pescozo coa forza suficiente para deixar marcas visibles, á vez que lle gritaba en presenza de testemuñas".

Foi necesaria a intervención do director, "persoa de considerable altura e corpulencia", quen tivo que recorrer á forza física para que o profesor sancionado cesase na súa acción. Tras ser separados, o alumno, en "evidente estado de nerviosismo", proferiu un insulto ao profesor e saíu correndo do lugar, mentres que tamén nese mesmo estado, o profesor saíu dando unha patada á porta. As marcas do alumno desapareceron de maneira natural sen necesitar asistencia médica.

Con posterioridade, houbo un acto de conciliación no centro docente o día 10 de novembro de 2017. Nese acto, o alumno pediu desculpas e recoñeceu que insultou ao profesor noutras ocasións nos corredores do centro e que se ía rindo o 2 de novembro, cando acompañaba ao sancionado e á xefa de estudos cara aos despachos de dirección. Pola súa banda, o profesor pediu desculpas ao alumno e á súa nai pola súa acción.

Alumnado e estudantes dun instituto /XUNTA - Arquivo / Europa Press
Alumnado e estudantes dun instituto /XUNTA - Arquivo / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta