A USC participa na primeira granxa europea para producir alimentos a partir de augas depuradas

O equipo colaborará na avaliación da calidade das augas e da seguridade alimentaria

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/02/2023 | Actualizada ás 18:09

Comparte esta noticia

O proxecto europeo AWARE, no que participa a USC xunto con outras dezanove institucións de Italia, Portugal, Alemaña, Bélxica, Reino Unido, Grecia e Chile, persegue crear a primeira granxa en Europa que utilice auga depurada nun sistema acuapónico. A acuaponía é un sistema de cultivo que combina a acuicultura tradicional coa hidroponía, o cultivo de plantas na auga. 

Equipo de persoas do proxecto para a creación da primeira granxa europea que producirá alimentos a partir de augas depuradas
Equipo de persoas do proxecto para a creación da primeira granxa europea que producirá alimentos a partir de augas depuradas | Fonte: USC

En concreto, o equipo de virus entéricos do grupo liderado polo catedrático Jesús López Romalde, participará na avaliación da calidade das augas que saen das Estacións de Augas Residuais (EDAR) e que se utilizarán nos sistemas de acuaponía. O equipo tamén se centrará na avaliación da seguridade alimentaria dos produtos (peixes e plantas) que se produzan no devandito sistema.

O lugar elixido para albergar a granxa piloto que está previsto que abra as súas portas ao público en 2026 é a rexión italiana de Puglia. “Imaxinádevos que unha planta de tratamento de augas residuais se converte nunha granxa”, explican dende a coordinación do proxecto, “coa tecnoloxía adecuada, podemos producir peixe e vexetais, en cada cidade, sen solo, nin auga doce, e sen emisións de gas.

“Existe un baleiro regulatorio en Europa: podemos usar auga rexenerada para a agricultura pero non para a acuicultura e a acuaponía”, relata o coordinador do proxecto, Fabio Ugolini, “queremos sentar as bases para un novo marco político en apoio da acuicultura europea e demostrar a viabilidade dunha cadea de valor alimentaria completamente nova”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta