A Nogueira, propom deixar de falar e deixar de cantar

Abro este Cobrantas do 2015 cuma irmá da música com a que caminho desde a época em Chouteira até que a deusa terra queira. Falamos de Olga Nogueira, amadora do acordeom, filóloga e gestora cultural em aCentral Folque formada entre fora e dentro do pais musgo. Uma das valerosas mulheres galaicas como escrevia Federica Montseny no 36, a Nogueira com caracter (mau seria que nom o tivera) que tem tronzado e esculpido-se a si mesma nos múltiples oficios que dá a música feita em galego.

Por Cobrantas - Ugia Pedreira | Galiza | 12/01/2015

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Esta entrevista de 360 graus mostra as capas de cebola que pode ter a cultura musical e as experiéncias em situ duma época passada e presente vivida a pulso desde a sensibilidade identitaria. A Nogueira escuita atentamente o que dis e sobre tudo o que nom dis, valora, pensa, salta e fala. A Nogueira é boa para os problemas com a pele, com o intestino, para os dentes, para o cabelo, para a irritazom de garganta ou o flujo vaginal por isso recomendo-vos esta entrevista a nivel cardiovascular, endocrino, digestivo e dermatológico e indispensavelmente desde o amor. Saude e força para este ano e os que venham!

A tua travesia desde Chouteira até aCentral passando pola Sorbonne, o departamento de internacionalizazom da música galega no bipartito, etc foi longa e cheia de aventuras. Cómo valoras o periplo que seguiches na vida arredor da música feita aquí?

Eu ampliaríao á cultura e definiríao de rica aprendizaxe. Véxome indo ao Conservatorio (aburríndome moitísimo), indo logo a seráns (divertíndome moitísimo), tocando en Chouteira, en ranchos e rondallas, escoitando cantar a miña avoa e aprendendo música galega, lendo literatura, logo veu o teatro, a xestión cultural (dentro e fóra de Galiza), as músicas do mundo, o jazz... e agora estou coa terra ás voltas. E rabeando por saber que será o próximo.

Onde vai a nena que tocava o acordeom com três discos ao lombo?

Está en San Martiño de Ventosela, en Redondela, criando un fillo, ensinando e aprendendo, traballando na Central Folque, unha das empresas máis fermosas que se creou neste país na última década, e tentando botar man dun capital que non só é cultural. Está un pouco liada ultimamente como para facer música, pero a música segue aí, e fai parte dese capital que tenta xestionar.

552139_396151673825712_999837618_n

Quando estiveches em Franza tanto no Cervantes como na Sorbonne fazias muita labor cultural dum pais a outro. Cómo foi esa época para ti particularmente desde o ponto de vista da emigrazom.

Nunha entrevista que me fixeran daquela en El País comentaba que eu non me consideraba emigrada, considerábame traballadora do meu país -Galiza- en París. E desde esa perspectiva usei o meu coñecemento e os meus contactos para mellorar a galeguidade dos emigrantes galegos alí. Dos que querían aprender algo máis có que vían no Luar os venres. Porque somos un país dentro e fóra do noso territorio físico. Aí está a nosa fortaleza. Eu levei a París cantos artistas galegos puiden. Mais ese labor debera ser constante e titorado desde a Xunta, negociando espazos e orzamentos co Cervantes, coas embaixadas, cos Centros Galegos, coas Universidades. Nin sequera é cuestión de máis cartos, é cuestión dunha mellor xestión.

Qué botas em falta agora em relazom á  nom existéncia do departamento de Internacionalizazom da Junta?

O non ter con quen falar de música dentro da AGADIC. A sensibilidade que lle poñiamos ao noso traballo, nós e os políticos que nos dirixían: Xavier Campos, Miguel Martín e Luís Bará. A escoita real dos proxectos de país. Agora o país é outro. E nel a consigna é “sálvese quen poida”. Só hai que ver como se reparten as axudas públicas. Un sen sentido. A nós non nos axudaron a ir recoller un Premio que nos deron en Cuba polo proxecto Miniaturas de Granell, pero logo hai miles de euros para xiras internacionais de artistas madrileños. E para min é inconcebíbel, por máis que a empresa que os representa sexa galega. E tampouco entendo que artistas galegos que se autoproclaman nacionalistas galegos teñan a súa empresa de representación fóra de Galiza. Eles dirán que aquí non hai boas empresas de xestión de tal ou cal estilo. Pero ese é un traballo conxunto entre o artista e quen el escolle como representante. E deberamos esforzarnos en que se fixese desde aquí e rentase tamén aquí. Esta é só a miña opinión, pero a eses desaxustes me refería máis arriba. E non é só cuestión de cartos. Son decisións que van máis alá.

552139_396151673825712_999837618_n

Bem sei Olga que tu eres experimentadora e conhecedora de cómo se fai um disco, cómo se busca um concerto,  uma gira, cómo se atende ao público. Viviches muitos processos dos concertos ao vivo acima e debaixo do cenário e conociches muitos músicos do pais. Na tua opiniom cómo foi a evoluçom da consciencia deste oficio para os músicos desde que tu comezaches alá polo 1994?

Eu penso que aínda queda moito por facer. Alégrome moito desta época de autoxestión porque vai facer avanzar moito o que veña detrás. Porque efectivamente é bo coñecer o palco desde arriba e desde abaixo, de frente e por detrás. Penso que é importante ser bo artista, talentoso, tenaz, pero tamén é importante ser un bo compañeiro de traballo. Porque un artista precisa dunha comunidade ben grande para poder facer carreira. E ese traballo débese facer con repecto mútuo. Sen imposicións, sen servilismos. Eu tiven moita sorte cos artistas cos que veño traballando. Dei moito e recibín moito. E sempre con respecto. Non podía ser doutra maneira.

Qual é a tua funzom e posizom em aCentral Folque e quais som as novas aczons que tades coidando? O outro dia dixerom-me que tinhades a juventude e o patrimonio nas vossa maos, isso é uma expléndida pócima....

Uf, “juventude e patrimonio nas maos”, vaia responsabilidade. Eu só me ocupo de facer que artistas novos que formamos, e os que xa estaban e seguen, poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións posíbeis. Tocar. Ter visibilidade. Seguir dedicándose á música. Nese sentido aconsello, programo, xestiono concertos e tento cobralos. Por veces é un traballo ingrato, como o é o preparado da terra para poder sementar nela, pero a música que logo sae do escenario e o brillo no ollo do espectador, compensa no día a día. E ver como artistas que pasaron polas nosas aulas medran (mesmo na ignorancia de todo o que investimos neles), ou a escoita dun disco que producimos hai anos e poder chegar até o último tema con orgullo, tamén compensa. Porque traballamos para a posteridade, por iso non hai quen nos pare. Só nós mesmos, cando atopemos algo mellor que facer.

552139_396151673825712_999837618_n

Foches manager de Marful muito tempo, honra para mim pois foi irmandade no "negocio" e muito respeito e admirazom. Qué resaltarias do tempo que voaches com este grupo?

A valentía. Desde que vos oín tocar por primeira vez a min Marful sempre me tocou tantas fibras no estómago que foi raro o concerto voso no que non acabase “mollando o ollo”. Na Galiza, en París, en Cuba, no Porto, en Bruxelas ou na Fábrica de Sargadelos. Moito teño bailado e moito me teño enchido de orgullo con vós. Porque non só é a parte musical, tamén están as túas letras e a vosa actitude, e o teu discurso no palco. A posición política e vital, que xa dixen que para min é moi importante. E aí eu só vos podo admirar. A todas e cada unha de vós os catro. Pero a ti máis, porque te coñezo máis e porque, sendo muller, sei das túas “outras loitas e vitorias”. Por iso lle agradezo á vida por me ter posto no voso camiño, aínda que só fose un anaquiño de camiño.

Levou-che tempo e mao esquerda conseguir a Casa de Música de Porto para a presentazom dum disco galego, vareaches forte no primeiro Womex que fomos como pais, organizamos uma gira Surreal e quase impossível e superarriscada por lugares peculiares da Galiza longe da normalidade de auditorio-teatro.... cómo pensas que se moven os fios, as pezas da gestom cultural pra que se produza um acontecimento ou outro, uma venda ou outra?

Todo parte das persoas e da súa sensibilidade, pero só acada éxito cando se dá o salto do individuo ao grupo. A Casa da Música de Porto chegou porque o programador de músicas populares naquela altura tivera unha avó galega e a miña forma de falar recordáballe a ela. Unha cuestión persoal. Nada orgánico. E deu un concerto de Marful marabilloso, co público ficando fóra da sala e cunhas críticas en prensa espectaculares. Non podía ser doutro modo. Pero non se repetiu. Portugal non ten necesidade de nós. Nin ten moita vontade de nós. En xeral. Custa moito. Aínda. Pero temos que seguir insistindo. Durante o goberno bipartito, coa xestión nacionalista da cultura galega, e da música, avanzouse moito. Con sentido. Con corazón. Fomentouse o asociacionismo, creáronse Redes de programación, plans formativos, liñas de axudas, creouse material promocional, páxinas web, foise a feiras. E todo iso con calidade, en condicións. Foi un pulo tal que aínda hoxe se ven as melloras, malia o corte destes últimos anos. A música galega segue dando moitísimo. Eu escoito músicos novos moi bos. Un asociacionismo moi activo. Uns Premios do sector. Pero sigo vendo tamén moitas eivas: uns medios de comunicación de costas a toda esa creatividade musical, un descoñecemento -incluso un desinterese- das raíces musicais galegas por parte de moi bos músicos (os do jazz, por exemplo), unha falta de atención á música nas políticas culturais... Mais o desequilibro que máis aprecio ten que ver coa xestión cultural da música. Eu penso que os programadores culturais públicos están perdendo a oportunidade de achegar toda esa creatividade á cidadanía en condicións. E non é cuestión de cartos, insisto, a música debe ser do máis barato que se pode programar no país. É cuestión de coñecemento e de vontade. Por suposto hai lugares excepcionais -nós traballamos con moitos deles-, aos que si chega a música. Pero a moitos máis ten que chegar. Queda moito aínda por facer.

No teu caso e no caso dos companheiros de aCentral sei que a vida vai em consonáncia com a arte. A Descarga ao Vivo em Cuba, os dichosos "mojitos" cubanos e tudo o gasto energético daquela Feira do Livro, tudo o que aprendiches ali com o bipartito, a vida ali vivida fixo que tenhas um filho galego-cubano e estejas casada cum dos músicos de jazz mais interesantes do pais agora mesmo Jose Manuel Díaz. Suponho que dá gusto lembrar e fechar círculo ou?

Non foi en Cuba onde eu namorei, senón na Galiza. Na Feira do Libro da Habana non deu para namoros nin para mojitos. Eu coordinaba “in situ” unha programación de máis de 60 espectáculos de teatro, música, danza, cinema, programación infantil... da máis alta calidade que a cultura galega ofrecía nalquela altura. Producións propias e coproducións con artistas cubanos. A Cuba, Galiza foi como país. E como tal foi recibida. E iso ficará para sempre na espiña dos que alí estivemos. Ogallá Galiza xestionase un convite deses ao ano. E que os millóns de euros que agora se invisten en campañas de promoción de Galiza, materializadas en slogans resultóns e imaxes idílicas, fosen para promocionar e ofrecerlle ao mundo o capital cultural galego que tan ben nos representa alí onde imos. E se quen o xestionase logo quixese tomar uns mojitos, pois que os tome.

Se desejaras algo bom e especial e atómico para o 2015 na música feita em Galiza qué desejarias querida e amada irmá?

Desexaría que os músicos se revelasen contra a súa precariedade e deixasen de tocar. Nada de música en directo. Nin festas, nin cerimonias. Nin unha nota. E que os que falamos galego, novos e vellos, fartos dos desprezos e as faltas de respecto que recibimos a diario, que deixemos tamén de falar. Nin “graciñas” nin “ataloguiños”, nin frases feitas nin retrancas. Nada. Nin pío. Cero musicalidade galega e en galego. Silencio. (...)

E logo xa se vería como volviamos facelas soar as lingüetas. Cómo e para quen. Porque por veces nós mesmos ignoramos a forza do noso saber, individual e colectivo. E cómpre resetear. E abrir nova sesión.

552139_396151673825712_999837618_n

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Ugia Pedreira Com oito álbuns lançados, a cantora de Marful e diretora do Centro Galego de Música Popular, aCentral Folque, cria este espaço “para as cobrantas musicais feitas á mao, é dizer, pessoas e projectos musicais que ao meu entender sejam de alto risco, medulares, lumínicos, vertebrais, que prestem atenção á canteira e a deixar sementes prantadas arredor da música galega feita em qualquer parte do mundo. Em Cobrantas intentara-se chegar ao para qué e porque dos discos, livros, tendas, pub, músico, editoral ou ideia a desenvolver na atualidade”. A Central Folque