Un ano despois da invasión de Ucraína

Hai un ano, o goberno de Putin tomou a decisión de invadir Ucraína. A grande maioría dos gobernos europeos e dos observadores que analizan, habitualmente, a situación política internacional non tiñan considerado a posibilidade de tal actuación dos dirixentes rusos. No seo da opinión publica e publicada que se move en coordenadas de esquerda, a sorpresa tamén foi moi notoria.

Por Xesús Veiga | Compostela | 05/03/2023

Comparte esta noticia
Cando se constatou a realidade da intervención militar rusa, apareceu un novo prognóstico nas tribunas mediáticas: as accións dos invasores terían un curto percorrido temporal debido á teórica superioridade das forzas colocadas sobre o terreo. A propia Administración norteamericana ratificou semellante previsión mediante un ofrecemento explícito de rescate ao presidente ucraíno -Zelensky- para evitar a súa captura polas tropas rusas. O paso do tempo permitiu comprobar o incumprimento dese cálculo previo: a capacidade de resistencia do exército ucraíno -alimentado pola axuda técnica e financeira dos países occidentais- foi moi superior á que se agardaba e, ao mesmo tempo, a presunta fortaleza do aparato militar do Kremlin non se acreditou no campo de batalla. Existiu, pois, unha curiosa coincidencia entre Putin e Biden: o primeiro calculou que a operación deseñada polo seu Estado Maior tería un éxito inmediato e o segundo -a pesar de que afirmou coñecer con anterioridade a veracidade da intervención- asumiu a inevitabilidade dunha rápida derrota do goberno de Ucraína.
 
Neste aniversario estase a falar moito da duración do conflito. Hai quen pensa que se vai manter vivo durante un tempo prolongado -a hipótese da cronificación- mentres existen outras opinións que consideran verosímil un acordo de paz -ou, polo menos, un alto o fogo provisorio- nun horizonte temporal relativamente curto. As experiencias históricas rexistradas nas últimas décadas teñen demostrado que existe unha correlación entre as expectativas que se desenvolven no ámbito estritamente militar e as posibilidades dunha negociación que permita acadar un pacto minimamente estábel. Cando as partes enfrontadas chegan á convicción de que non é viábel unha vitoria dos seus respectivos exércitos, gaña peso o escenario da negociación. O caso da guerra de Vietnam foi paradigmático: despois de que, durante anos, os gobernantes dos USA apostaran pola súa vitoria en base á presunta superioridade dos medios humanos e materiais involucrados na guerra tiveron que aceitar a inviabilidade de semellante obxectivo e aturar a importante división creada no seo da sociedade norteamericana. O resultado é ben coñecido: negociación final entre catro partes (USA, Vietnam do Sur, Vietnam do Norte e Vietcong) para asinar o remate da guerra.
 
Aínda estamos lonxe dunha situación análoga no conflito actual. Os gobernos de Rusia e Ucraína (neste último caso, tutelado polos dirixentes de EE.UU. e da UE) non teñen chegado á conclusión de que a mesa de negociacións é a mellor opción. Desgraciadamente, semella que ambas partes -aínda que sexa con intensidades diferentes- prefiren buscar un maior desgaste militar do adversario para condicionar os termos dun hipotético acordo futuro.
 
Quen está gañando con esta guerra? Nin Rusia nin Ucraína están en condicións de reclamar tal condición de vencedores. A destrución humana e material causada pola invasión das tropas rusas posúe tal envergadura que anula calquera avaliación desa natureza. Que no corpo social da Federación Rusa exista -segundo indican algúns estudos demoscópicos- unha ampla maioría que apoia a política intervencionista de Putin non avala a lexitimidade xurídica e moral da mesma. Certifica, en todo caso, as graves carencias presentes no sistema económico e político que sucedeu á vella orde que rexía na URSS ate 1991. USA e China aparecen como as potencias menos afectadas polas consecuencias negativas deste conflito e, xa que logo, están reforzando o seu papel no escenario xeopolítico global.
 
O caso da UE merece unha reflexión específica. A pesar da coñecida dependencia do "amigo americano" en materia militar -vehiculizada a través da OTAN- algúns dos Estados mais relevantes do club europeo -singularmente Alemaña- teñen desenvolvido unha notábel política propia a respecto de Rusia nas tres últimas décadas, centrada especialmente nas relacións económicas. A decisión de Putin arruinou esa estratexia autónoma e colocou aos dirixentes europeos ante a complicada tesitura de aplicar sancións económicas que afectan ás condicións de vida das súas poboacións e alimentan as dinámicas de subordinación a Washington. O presidente ruso calculou que a súa acción militar ía provocar unha división irrecuperábel no bloque occidental. A realidade está demostrando o fracaso desa previsión igual que está certificando o desaxuste das expectativas que manexou Merkel durante moitos anos para manter as relacións preferenciais con Rusia en materia enerxética.
 
A traxedia que se está a vivir en Ucraína merecería unha resposta contundente nas rúas por parte das organizacións comprometidas coa defensa da paz. Nas cidades rusas non existe a capacidade mobilizadora capaz de vencer o abafante clima represivo creado polas autoridades. Nos territorios europeos occidentais os motivos que explican semellante ausencia son diferentes. Se no ano 2003 a intervención militar en Iraq provocou importantes movementos de protesta, agora rexistranse moitas dificultades para establecer un consenso minimamente sólido sobre as culpabilidades principais que concorren nesta guerra. Hai 20 anos, os USA e a OTAN eran os actores principais do drama e concitaban todas as expresións de rexeitamento que aparecían no corpo social. Agora, o papel determinante que xogan Putin e a Federación Rusa nesta violación do dereito internacional non provoca unha reacción equivalente. 
 
Sabemos por experiencia que a lóxica que rexe as relacións internacionais non está baseada no respecto polos valores democráticos senón pola defensa dos intereses dos países e dos grupos que posúen as maiores cotas de poder no sistema mundial. Se nos remontamos a episodios bélicos relevantes ocorridos despois do remate da II Guerra Mundial, o catálogo é moi amplo: Corea, Vietnam, Palestina, Iugoslavia, Afganistán, Iraq, Siria, Libia... e agora Ucraína. A pesar das singularidades indiscutíbeis presentes en cada caso, existiu un denominador común: a legalidade internacional foi ignorada ou violentada para buscar un dominio exterior sobre un territorio ou hipotecar seriamente a súa capacidade de decisión soberana.

Soldados na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína
Soldados na guerra que Rusia lanzou contra Ucraína | Fonte: Cope-EFE.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.