Volven os Premios Martín Códax para difundir a riqueza da música galega

A convocatoria para presentar os proxectos musicais para participar abrirase o próximo 13 de marzo

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/03/2023 | Actualizada ás 18:34

Comparte esta noticia

Músicas ao Vivo anunciou que a convocatoria para participar na décima edición dos Premios Martín Códax abrirase o próximo 13 de marzo, un certame que cada ano condecora aos mellores proxectos musicais galegos e que, nesta ocasión, estará inspirado nas similitudes que comparten os procesos de elaboración do viño e a produción e composición musical.

A presidenta de Músicas ao Vivo, Sheila Patricia, e a tesoureira da asociación, Patty Castro, presentaron este luns o certame, que se celebrará no Pazo de Pontevedra o 7 de xuño, xunto ao director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, a concelleira de cultura do concello pontevedrés, Carme Fouce, e o director de mercadotecnia de Adegas Martín Códax, Jorge Pallarés.

Estes premios, que teñen como obxectivo visibilizar a creatividade musical de artistas e bandas de Galicia, contarán nesta edición con 15 categorías musicais, tres premios 'Organistrum', un galardón honorífico e outro ao mellor proxecto de artista emerxente.

A asociación anunciou que o prazo de convocatoria para a presentación dos proxectos musicais que desexen participar, estará aberto desde o vindeiro luns ao 3 de abril. Posteriormente, un xurado profesional encargarase de valorar e puntuar as iniciativas e seleccionará tres finalistas por categoría, para que os socios de Músicas ao Vivo voten ao gañador de cada unha delas.

RIQUEZA DA MÚSICA GALEGA

Jacobo Sutil felicitou á organización do certame pola súa "década de traxectoria" e destacou que esta convocatoria é unha plataforma de recoñecemento público para difundir entre a cidadanía a riqueza da música galega, "tanto en estilos e proxectos, como en artistas e profesionais".

Así mesmo, a responsable de cultura do goberno local destacou que moitos dos proxectos que saíron premiados nesta última década gozan hoxe dunha "carreira de éxito" con "música que soa en todas partes".

Por outra banda, Jorge Pallarés destacou a importancia que teñen estes premios para a súa empresa vinícola, que os acompaña desde a primeira edición, e mostrou "ambición" para que a gala corresponda á "magnitude do traballo que hai detrás".

O viño, produto que comercializan as adegas Martín Códax, será outro dos protagonistas desta edición, que estará inspirada no proceso de elaboración do viño en relación aos procesos de composición e produción de música.

15 CATEGORÍAS MUSICAIS

As 15 categorías musicais anunciadas pola organización dos premios son Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular.

Ademais, volverán entregarse o tres premios Organistrum, que destacan anualmente unha sala, un festival e un espazo de comunicación musical, así como un galardón en homenaxe a toda unha carreira artística ou traxectoria profesional que "fose un referente para o resto de músicos e músicas en Galicia".

Por último a asociación outorgará tamén premio ao mellor artista emerxente, co que se pretende valorar a "proxección e potencial" dun proxecto "de nova creación" que non leve en activo máis de tres anos, que non editase máis dun disco e que non fose premiado ou finalista en edicións anteriores.

Presentación da décima edición dos Premios Martín Códax. PREMIOS MARTÍN CÓDAX
Presentación da décima edición dos Premios Martín Códax. PREMIOS MARTÍN CÓDAX | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta