O PP acusa ao BNG de "enganar" e "manipular" xa que din que "nunca houbo tanto orzamento para a Atención Primaria"

Outro debate sobre sanidade, no que Pontón acusa ao PP de ser o "cabalo de Troia da privada", deriva nun novo cruzamento de cifras

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/03/2023 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

A maioría absoluta do PP bastou para tombar a proposición lexislativa do BNG que expuña introducir na Lei galega de saúde a obrigatoriedade de destinar o 25% do gasto sanitario ao servizo de atención primaria como vía para, segundo expuxo a portavoz nacionalista, Ana Pontón, "frear 14 anos de recortes".

"O Partido Popular é o cabalo de Troia da sanidade privada", reiterou en varias ocasións a líder frontista, encargada de defender o texto lexislativo debatido na sesión matinal do pleno do Parlamento de Galicia, iniciado na mañá deste martes co debate doutras dúas leis que aprobaron por unanimidade a introdución de cambios nas normas de tres institucións autonómicas: o Consello Consultivo, o Consello de Contas e o Valedor do Pobo.

O debate da proposición do Bloque para cambiar a Lei galega de Saúde derivou nun cruzamento de cifras entre populares e nacionalistas. Os primeiros tiraron de comparativa co gasto en sanidade da etapa do goberno bipartito (entre 2005 e 2009) para acusar ao BNG de practicar un "trilerismo sen límites" con afán de "enganar" e "manipular" á poboación pois, segundo o deputado Alberto Pazos Couñago, "nunca houbo tanto orzamento para atención primaria e para persoal" como nas actuais contas da Xunta.

Antes, Pontón cifrara en 2.338 millóns de euros en "recortes" impostos pola Xunta desde o regreso á Presidencia do Partido Popular en 2009, o que converteu á sanidade pública en "unha carreira de obstáculos" para a poboación galega, na que, di, existe "medo a enfermar, a perder un ser querido, a que un diagnóstico se atrase ou a que unha operación tarde demasiado".

Para Pontón, "os 14 anos de recortes" dos gobernos do PP "significan meses de espera" para recibir cita nun psicólogo para persoas que "están ao límite", que "miles de nenos non teñan pediatra" en "194 concellos de Galicia", que haxa puntos de atención continuada "sen persoal médico" ou que "moitos" pacientes de cancro "non saiban cando van ter a próxima revisión".

Fronte ao que tachou de "modelo insolidario", Pontón expuxo que o BNG ten "alternativas" para atallar esta situación, para o que ve preciso aumentar os recursos que chegan a atención primaria, á que a Xunta destina o 11,6% do orzamento sanitario, 2,3 puntos menos que a media do Estado.

Segundo Pontón, Galicia debería estar "moi por encima" da media estatal neste apartado dadas as características da súa poboación envellecida e repartida de forma dispersa polo territorio, factores que, como remarcou, encarecen a prestación de servizos.

Por tanto, a líder do BNG incidiu en que a atención primaria necesita máis recursos para "desenvolver un novo modelo" con "persoal suficiente" e "condicións dignas" que permita, ademais, reforzar áreas como psicoloxía, podoloxía ou logopedia.

De aí a proposta de fixar na lei que deba dedicarse o 25% do gasto sanitario á anteción primaria, recomendación que, como subliñou Pontón, realiza a Organización Mundial da Saúde (OMS).

LEI APROBADA POLO BIPARTITO

Na súa quenda, o deputado do PP Alberto Pazos Couñago lembrou a Pontón que a Lei galega de saúde que pretendía modificar o seu grupo foi aprobada co seu "voto a favor" como deputada durante o goberno bipartito, que "nunca chegou a destinar o 25%" do orzamento sanitario a atención primaria.

"Cría que o importante son os recursos que se dedican, non a porcentaxe", aseverou o viceportavoz parlamentario do grupo maioritario, que sinalou que a recomendación da OMS "si computa" o gasto farmcéutico que, segundo Pazos Couñago, emprega o BNG "ao seu antollo" para "enganar á xente" cando denuncia recortes.

E é que, segundo o do PP, o BNG usa a diminución do gasto farmecéutico derivado da compra de xenéricos para "falar de recortes" e, deste xeito, "manter a súa triloxía sanitaria: confusión, bulo e insulto". Todo, para Pazos Couñago, co obxectivo de "preparar a seguinte manifestación".

PSOE APOIA PROPOSTA

Pola súa banda, o PSdeG apoiou a inicitiva do BNG, aínda que puxo como obxección unha cuestión "de forma" posto que entenden que se trata dun asunto de "modelo de xestión" máis que de recoñecemento dun dereito á cidadanía, xa que pese ao aumento da capacidade orzamentaria "poderían seguir facéndose as cousas mal".

"Por iso cremos que o importante é o modelo de xestión", incidiu o deputado socialista Julio Torrado, que remarcou a importancia de "reverter" a deterioración da atención primaria por parte da Consellería de Sanidade, da que se preguntou se "no fondo" o que pretenden é "mandar as competencias en sanidade a outro goberno e renunciar a elas".

CONSULTIVO, CONTAS E VALEDOR

Antes do debate da proposta lexislativa do BNG, a Cámara aprobou por unanimidade dos grupos modificar o marco normativo de tres órganos autonómicos dependentes do Lexislativo galego: o Consello Consultivo, o Consello de Contas e o Valedor do Pobo.

As modificacións parten de solicitudes realizadas polas propias institucións levadas ao pleno polo Grupo Popular e que foron debatidas e votadas polo trámite de lectura única. En concreto, a lei do Consultivo introduce cambios na composición da sección encargada de elaborar estudos e informes para abrir a posibilidade de nomear conselleiros natos, postos reservados para expresidentes da Xunta e que están vacantes porque ningún deles forma parte da institución.

Tamén se inclúe a obrigatoriedade de dar publicidade aos informes elaborados por esta sección do Consultivo. Así mesmo, o regulamento de Contas e do Valedor modifícase para darlle maior marxe de manobra para a cobertura de prazas nas súas organigramas.

Hemiciclo galego / Parlamento de Galicia / Europa Press / Europa Press
Hemiciclo galego / Parlamento de Galicia / Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta