Portugueses, os principais turistas de fóra que visitan Galicia

Portugal tamén é o principal destino dos galegos que saen ao estranxeiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/03/2023 | Actualizada ás 11:30

Comparte esta noticia

Galicia recibiu, no mes de xaneiro, 108.870 turistas estranxeiros, e 680.261 turistas procedentes doutras provincias, segundo os datos de posicionamento dos teléfonos móbiles analizados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) e feitos públicos este mércores.

Así, no primeiro mes deste ano, visitaron Galicia 108.780 persoas procedentes doutros países, con Portugal á cabeza (31.448 turistas), seguido por Francia (13.895 visitantes), Alemaña (8.259), Países Baixos (7.608) e Reino Unido (7.395), aos que se suman turistas de Suíza, Estados Unidos, Italia, Austria e Bélxica.

Por provincias, a que recibiu máis visitantes estranxeiros foi Pontevedra, con 49.266 turistas, a maioría (case 20.000) procedentes de Portugal. A provincia da Coruña rexistrou 32.429 visitantes estranxeiros, maioritariamente de Francia (3.609) e Países Baixos (3.318); mentres que Ourense rexistrou 19.930 turistas estranxeiros, 8.440 procedentes de Portugal; e a provincia de Lugo recibiu 7.163 visitantes estranxeiros, a maioría de Francia (955) e Países Baixos (892).

Por cidades, Vigo sitúase á cabeza no número de turistas procedentes doutros países, con 18.885 móbiles rexistrados, dos que a maioría foron visitantes portugueses (7.812). A cidade da Coruña recibiu 7.543 turistas estranxeiros en xaneiro, cos franceses á cabeza (1.013); Santiago rexistrou 6.324 (1.279 de Portugal); a capital ourensá recibiu 2.591 (con portugueses á cabeza, 462); Lugo rexistrou 2.122 turistas estranxeiros (318 de Francia); e Pontevedra, 2.432 visitantes foráneos, a maioría de Portugal (372) e Francia (312).

Outros dos municipios máis turísticos de Galicia, como Sanxenxo ou Baiona, recibiron varios centos de visitantes estranxeiros (832 e 546 respectivamente), a maioría procedentes de Portugal.

TURISMO INTERIOR

Con respecto aos turistas procedentes doutras provincias, as visitas ascenderon a 680.261, aínda que a maioría (440.440) correspóndense con visitantes procedentes doutras provincias galegas, seguidos por visitantes procedentes de Madrid, un total de 78.769, segundo o posicionamento dos teléfonos móbiles.

En canto aos turistas que saen de provincias galegas a outras, ademais dos movementos interiores en Galicia (onde destacan as visitas a Vigo, con case 30.000), rexistráronse 74.298 residentes galegos desprazados a Madrid.

TURISMO EMISOR AO ESTRANXEIRO

Finalmente, no que respecta a turistas de orixe galega que viaxan ao estranxeiro, rexistráronse en xaneiro 163.352 saídas, fundamentalmente a Portugal (122.028), Francia (10.862), Italia (5.009) e Reino Unido (4.453).

Por provincias, a principal 'emisora' de turistas foi en xaneiro Pontevedra, con 102.769 persoas, seguida da Coruña, con 33.301. Desde a provincia de Ourense viaxaron 20.660 persoas ao estranxeiro, e desde Lugo, 6.622. En todos os casos, o destino principal foi Portugal.

A praia de Rodas, nas Illas Cíes
A praia de Rodas, nas Illas Cíes | Fonte: Mar de Ons - Europa Press.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Ferroviario

Home , é algo normal, non unha noticia fabulosa. Non van a ser os filipinos.