Francisco Jarauta, Santiago Auserón, Patricia Mayayo ou Muguruza, entre os 15 nomes da Semana Galega da Filosofía

O relatores disertarán sobre o tema "Filosofía e arte"

Por E.P. | Pontevedra | 10/03/2023 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

A 39º edición da Semana Galega de Filosofía xirará sobre o tema 'Filosofía e Arte' e contará con 15 relatores que disertarán, do 10 ao 14 de abril no Teatro Principal de Pontevedra, sobre esta "dimensión definitoria do ser humano xunto coa linguaxe e o pensamento".

Os representantes da entidade organizadora deste evento, presentaron este venres en rolda de prensa o cartel e a programación completa da Semana que seguirá a estrutura habitual de sesións de mañá, tarde e noite.

Unha ilustración de Daniel Rodríguez Castelao volve protagonizar o cartel, nesta ocasión elixiron a imaxe duns músicos porque "representa a liberdade do feito artístico, algo fundamental na concepción da arte".

As conferencias da mañá arrincarán ás 10,00 horas e serán as que conteñan "maior carga teórica e contido filosófico". O luns 10 de abril inaugura a Semana o catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia, Francisco Jarauta.

O martes 11 será a quenda de Miguel Anxo Rodríguez con 'Os vellos monumentos a outros ollos'. Patricia Mayayo falará o mércores de "Ecofeminismos, ecoloxías queer e transhumanismos: diálogos entre as prácticas artísticas e a ecoloxía".

O catedrático, Luís Puelles abordará o tema 'O público e os espectadores. Tensións na xénese do suxeito moderno' e na última das mañás, Andrea Soto, falará de "A forza formadora das imaxes".

Os relatorios da tarde, empezan ás 17,00 horas e centrarán a súa temática no ámbito de Galicia. A primeira correrá a cargo de María Novas,  'Arquitectura e xénero: sobre a xerarquía de valores na produción de espazos para a vida'. O martes será a quenda de Iria Ribadomar,  que falará de "Filosofía, arte e rúa. Ferramentas de transformación social ao servizo de quen?".

Sabela Hermida, será a encargada o mércores de achegar a súa charla 'O existencialismo na vida e na creación artística de María Casares'. O xoves será a quenda da poeta Chus Pato con 'Un poema pénsase con versos finais' e pechará as tardes da Semana Germán Labrador, para falar de 'Estética e historia. Sobre os imaxinarios políticos da arte na Galicia'.

En canto ás sesións de noite, arrincan ás 20 horas e terán un contido máis xeral, con menor carga filosófica. Abrirá o artista visual, Francesc Torres. O martes será a quenda de Remedios Zafra; o mércores chega ao Teatro Principal o músico e cineasta Fermín Muguruza e o xoves o historiador da fotografía e ensaísta, Víctor Vaquero.

Pechará as sesións de noite e tamén a Semana Galega de Filosofía o músico e doutor e Filosofía Santiago Auserón coa 'Lección de clausura: A música na Grecia Antiga e a orixe da Filosofía' o venres 14.

Francisco Jarauta, Santiago Auserón, Patricia Mayayo ou Muguruza entre os 15 nomes da Semana Galega da Filosofía
Francisco Jarauta, Santiago Auserón, Patricia Mayayo ou Muguruza entre os 15 nomes da Semana Galega da Filosofía | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta