Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2023 | Actualizada ás 17:38
A CIG denuncia que o peche do balneario do concello ourensán de Baños de Molgas deixa ao cadro de persoal "nunha situación crítica", xa que os 15 traballadores "non teñen dereito á prestación de desemprego por consumila nos ERTE da pandemia" e ser empregados fixos descontinuos.
Así o explicou o secretario comarcal da CIG en Ourense, Anxo Pérez Carballo, nunha comparecencia nas instalacións do balneario, acompañado por un grupo de afectados que reclama que as familias propietarias do negocio poñan o diñeiro sobre a mesa para que o persoal "non quede sen ingresos mensuais".
Carballo trasladou que a instalación, que este ano cumpre século e medio de existencia, o que o converte no balneario máis antigo da provincia, atópase en situación de concurso de acredores, en fase de liquidación "cunha proposta da administración concursal de vender o inmoble, o negocio e a actividade".
Neste sentido, adiantou que "son varios os grupos de empresariais interesados", pero suporía "un forte investimento" xa que "nos últimos anos non se destinou nada dos enormes beneficios a manter ou mellorar as instalacións". A pesar diso, asegurou que o negocio "é rendible" e que, "con toda probabilidade" será adquirido e volverá á actividade, polo que "o verdadeiro problema é o drama humano que provoca este proceso".
Así pois, narrou que son 15 os empregados actuais que, cando a administración concursal propuxo un ERTE para que puidesen acceder a unha prestación mentres non se producía a venda e a remodelación das instalacións, atopáronse que o SEPE "vailles a denegar as prestacións de desemprego porque xa teñen consumido o ERTE".
O sindicalista explicou que isto se debe a que, tras os ERTE como consecuencia da pandemia, "o reloxo non se puxo a cero, de modo que o persoal do balneario consumiu o desemprego acumulado durante o ERTE no que estivo todo o 2021 e ata dous meses do pasado 2022" e, ademais, "non tiñan o 100% acumulado ao tratarse de persoas fixas descontinuas".
"Atopámonos con que as familias propietarias do balneario, que amasaron inxentes cantidades de diñeiro á conta dos seus traballadores, abandonan ao persoal á súa sorte", criticou o secretario comarcal do sindicato, denunciando que "van vender o negocio, tirar beneficios unha vez máis e repartilos, mentres os seus empregados non ven ningún tipo de ingreso durante todo o proceso".
CONTACTOS CON INORDE E IGAPE
A central sindical iniciou os contactos co Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde) da Deputación e co Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta para buscar algún tipo de financiamento, para garantir a supervivencia económica "para que non teñan que vivir practicamente da beneficiencia ou dalgún tipo de subsidio social por culpa da mala xestión que levou o negocio ao fracaso". Con todo, Carballo recoñece que "estas cousas non se resolven de modo inmediato".
Por todo iso, reclaman que as familias propietarias "anticipen o diñeiro necesario" porque "o van a recuperar coa venda do balneario". O sindicalista tacha de "absolutamente inmoral e indecente" que "deixen ao persoal abandonado despois de tantos anos de servizo", sobre todo porque denuncian que nos últimos tempos "foi o propio persoal o que tivo que xestionar o negocio ao producirse un abandono empresarial".
Pola súa banda, a delegada de persoal, Carmen Suárez, trasladou o malestar das traballadoras e dos traballadores pola situación, expondo que en 2022 estiveron catro persoas de baixa e "o resto tivo que sacar o seu traballo adiante". "Sempre fixemos todo o que nos pedían pola empresa, agora que fagan algo por nós", solicitou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.