Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/03/2023 | Actualizada ás 18:32
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu este mércores, en relación aos pasos nos Congresos para o traspaso da titularidade da AP-9, que confía en que "esta vez sexa a definitiva".
Ao termo da reunión semanal do seu Executivo, a preguntas dos medios, o presidente galego lembrou que, "tras moitos anos de aprazarse" e despois dun "acordo unánime" no Parlamento galego, chegou ao Congreso e, aínda así, "non avanzaba".
Apuntou que o PP presentou "innumerables escritos" apuntando a que "non había ningún interese en que se avanzase no traspaso da titularidade" desa vía estratéxica para Galicia, a fin de poder xestionala "de forma máis próxima e mellor".
"Foi un proceso lentísimo e agora espero que se volva a activar. Espero que esta vez sexa a definitiva", remarcou, antes de incidir en que o PP nas súas emendas "pide algo tan lóxico como que o traspaso se faga con financiamento".
Pero advertiu que aos populares non os "satisfai" as emendas dos socialistas, dado que estas "non falan de financiamento" e apuntan "non a transferir a titularidade, senón a xestión". "Non é suficiente, pedimos a titularidade", recalcou, antes de aludir tamén á presenza do BNG no Congreso, representado por Néstor Rego, e apuntar que se a transferencia se consegue "será un logro colectivo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.