Denuncian que a primeira macroplanta solar en Galicia "ameaza" á aguia real

Adega advirte de que se atopa a menos de tres quilómetros do niño dunha das únicas seis parellas de aguia real que hai en Galicia

Por Galicia Confidencial | Galicia | 16/03/2023 | Actualizada ás 10:33

Comparte esta noticia

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia, Adega, vén de denunciar que a planta solar 'A Gudiña', promovida pola empresa madrileña 'Amber Solar Power 29' atópase a menos de tres quilómetros do niño dunha das únicas seis parellas de aguia real que hai en Galicia. A especie, precisamente, está catalogada como "en perigo de extinción" segundo o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

Planta solar  fotovoltaica  A Gudiña
Planta solar fotovoltaica A Gudiña

Diversos colectivos ecoloxistas e naturalistas galegos denuncian que a aguia real, que mantén unha pequena poboación de 6 parellas nos lugares menos humanizados da montaña de Ourense e Lugo, é unha das especies máis afectadas pola "masiva implantación" de polígonos eólicos e infraestruturas nos seus lugares de reprodución.

"Por se non tiveramos pouco cos parques eólicos, un proxecto de macroplanta solar e liña de evacuación pretende ocupar 110 hectáreas no concello da Gudiña", explican desde Adega, que á vez sinala a proximidade das torretas eléctricas, a menos de tres quilómetros do niño.

Desde a asociación manifestan que se reiteran "os erros acontecidos co desenvolvemento eólico" e apuntan a unha implantación desordenada e especulativa. "Non só fosiliza centos de hectáreas de hábitats naturais, senón que tamén ameaza a unha das especies máis sobranceiras do patrimonio natural galego", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta