Rasgándose as vestiduras

A estas alturas xa é imposible abrir un xornal e non atoparse con algunha nova relacionada con Podemos. Nunca positiva. O digan ou que non digan, o que fagan ou que non fagan vai provocar as máis aceiradas críticas dos partidos gobernantes e dos medios de comunicación que lle serven de portavoces.

Por Emilio Martinez | Vigo | 07/02/2015

Comparte esta noticia
Un día son as inconveniencias de Bescansa, outro as propostas do programa económico que inmoderadamente cualifican de ocurrencias, outro día a  opinión sobre a Semana Santa en Sevilla... Para Feijóo é motivo de crítica e escarnio que os dirixentes da nova organización teñan estudado na universidade ou que os seus país e nais non se dedicaquen a oficios manuais… A última é a polémica sobre os traballos que Monedero ten realizado para distintos gobernos latinoamericanos. As vestiduras de dirixentes do PSOE e do PP, xa sexan camisas estilosas ou traxes azuis cruzados, téñense rasgado ante  a suposta felonía, de calibre tal que semella que ao seu carón Rato, Barcenas, Fabra, a familia Pujol e tantos outros son uns santos varóns, cuxas boas obras deberan ocupar un espazo privilexiado nas propostas docentes do ministro Wert.
 
Vaiamos por partes. A condición de profesor titular de universidade ten a especificidade de que están considerada como un relación de especial dedicación, o que imposibilita con carácter xeral, ao contrario que para outros funcionarios que poden obter a compatibilidade, a realización de actividades de carácter privado salvo nunha serie de supostos taxados.  Pero no caso dos profesores de universidade, e xa dende a aprobación do ano 1983 da Lei de Reforma Universitaria, e agora coa Lei Orgánica de Universidades, ao amparo antes do artigo 11 e agora do artigo 83, estes poden realizar actividades de carácter científico, técnico ou artístico, para institucións públicas, organizacións privadas ou persoas físicas. Pero son contratos que asina a propia universidade e que factura a propia universidade. Si Monedero realiza unha actividade privada que non este exceptuada de solicitar compatibilidade estaría incorrendo moi grave, si nos atemos ao previsto no Estatuto Básico do Empregado Público. E a Universidade Complutense de Madrid está obrigada a abrir o oportuno expediente disciplinario do que pode resultar, de confirmarse os feitos, unha proposta de sanción. Non facelo, salvo que un primeiro informe, resultado do que se denomina unha información reservada non atopara indicios de comportamento sancionable, faría incorrer ao reitor da UCM nunha grave responsabilidade disciplinaria, ademais da responsabilidade política.
 
Este é un dos asuntos que aparece nos medios, e sobre o que nos próximos días teremos abondosa información. Pero as actividades de Monedero foron obxecto de crítica dende outros planos. E son estas outras críticas as que evidencia o extremo nerviosismo dunhas organizacións políticas, PSOE e PP, que se saben caducas e que xa se comportan como zombis: aínda andan, pero están mortos.
 
Critícase a Monedero que teña realizado traballos financiados polos gobernos de Bolivia, Nicaragua, Cuba, Ecuador ou Venezuela. Esperanza Aguirre, esa muller que non sabe estar calada, xa ve a mano embalsamada de Hugo Chávez movendo os fíos de Podemos, e cargou con toda as súas capacidades. Pero ata onde sei con todos eses países España mantén relacións diplomáticas e nas embaixadas españolas hai unhas persoas, funcionarios do ICEX, agregados comerciais, que teñen como misión, pagada polos orzamentos do Estado, promover as relacións económicas con eles, facilitar a presenza de empresa españolas neles… Ademais, salvo no caso de Venezuela ou Cuba,  Bolivia, Nicaragua ou Ecuador son países prioritarios para a cooperación española e ano tras ano reciben millóns de euros na forma de axuda bilateral, multilateral ou financiamento público de proxectos liderados por ONGDs. Estámoslle criticando a un profesor universitario ou a unha empresa española que obteña contratos dun goberno estranxeiros ou dunha organización internacional?. Sona estraño iso de criticar a un o que logo o goberno, sexa do signo político que sexa, ten que promover. Hipocrisía tal vez?. A partir de agora impediremos que os profesores universitarios españois contraten con organismos internacionais, impediremos que as empresas españolas obteñan contratos, por exemplo de obra pública, en Ecuador ou en Nicaragua?. 
 
Polémica causa o feito de que Monedero non entregara, a petición de xornalistas e de dirixentes do PP e o seu partido irma, os traballos realizados. A polémica de hoxe debería traer á memoria outros asuntos semellantes. Por exemplo o informe, estudo, análise, ou o que fora, que a Xunta de Galicia, o Partido Popular, encargou sen concurso público á consultora internacional KMPG pola pequena cifra dun millón de euros. Nin son públicas as bases da contratación, nin é público o contrato, nin son coñecidos os documentos redactados polo equipo consultor. E iso a pesares de que os mesmos levaron a sustentar decisión de fusionar as caixas. Decisión que case de inmediato demostrouse bastante dubidosa dende a lóxica económica e financeira. Parece que neste caso o PP si considera que a cidadanía non ten dereito a ver que é o que se fai cos seus cartos, pero é capaz de esixir que se fagan públicos os resultados de traballos encargados por gobernos de terceiros países. Onde está a coherencia?. 
 
Aínda que os estudos dirixidos por  Monedero foran realizados mediante contratos asinados pola Universidade, no caso de traballos realizados a petición de terceiros, aqueles nos que a institución ou empresa que os encarga os financia na súa totalidade, é habitual incluir unha cláusula tipo do seguinte teor: “Os informes e/ou resultados obtidos durante a realización dos traballos contratados terán carácter confidencial, polo que non poderán ser obxecto de difusión de ningún tipo por parte da Universidade, nin dos participantes na súa realización, sen autorización previa e por escrito da parte contratante”. E é habitual que o persoal contratado para realizar os traballos asinen documentos individuais no que se comprometen a gardar a debida confidencialidade. E iso o fan as universidades públicas e iso é o que esixen as institucións públicas cando contratan determinados traballos con entidades privadas ou mesmo coas propias universidades públicas. Esixir segredo é o que fai tamén o PP ou o PSOE cando contratan a realización de estudos sobre imaxe do partido ou sobre o grao de coñecemento das súas propostas, ou tal vez acedarían a que as empresas contratadas os publicaran na súa web?. Monedero non pode, tal e como di, do mesmo xeito que non podería a Universidade Complutense de Madrid ou a empresa X ou Z, sen consentimento previo de quen financiou os traballos, revelar os resultados dos mesmos, menos aínda cando se trata de traballos realizados para organizacións gobernamentais. Revelar eses estudos faríao incorrer, sen dúbida, nun incumprimento do contrato, o que podería ser sancionado xudicialmente.
 
O dirixente de Podemos, como calquera outro funcionario público milite en Podemos ou no PSOE ou no PP ou non milite en ningunha organización, debe ser sancionado se cometeu unha irregularidade. Sancionado con toda a contundencia que permiten as normas disciplinarias vixentes. Sancionado como resultado dun proceso con todas as garantías formais esixidas. Pero os partidos políticos do sistema deberían madurar un pouco e darse de conta que os seu problema non é Podemos senón a súa propia incompetencia para sequera aparentar que teñen un mínimo interese polos problemas das persoas da rúa. Seguir fiando a súa sorte a descualificar á menor oportunidade a calquera que os critique o único que consigue é que cada día os vexamos mais ridículos, cada día que pasa un pouco mais zombis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.