'Semana Santa ao Vivo': cultura e lecer para todos os públicos en Allariz

Maxia, contacontos, actuacións musicais, roteiros culturais e mercadiños animarán as rúas desta vila entre os días 6 e 9 de abril abrindo a

Por Galicia Confidencial | Allariz | 26/03/2023 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Na presentación do ciclo "Semana Santa ao Vivo" que tivo lugar este venres 24 de marzo, a alcaldesa do Concello de Allariz, Cristina Cid, salientaba a importancia que ten a Semana Santa ao Vivo para Allariz, dando a entrada a tempada turística. Neste senso comentou que "a relevancia de eventos coma este, culturais e de lecer para a veciñanza, para a súa calidade de vida, que a súa vez axudan tamén a manter esa dinamización económica tan importante para a economía local axudando a todas esas persoas que se adican ao sector comercial en Allariz".

Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz
Mercado da Reserva da Biosfera de Allariz | Fonte: GC

MÚSICA AO VIVO

A música ao vivo terá, como é habitual, un protagonismo especial na programación da Semana Santa ao Vivo en Allariz, como explicaba a concelleira de Promoción Económica María López.

Dende o 6 e ata o 9 de abril, o casco histórico encherase de ritmo grazas ás actuacións de rúa de: Ainhoa Martínez, Amorodo, Antón Ke, Arigmagritte e Flocos de Millo, Braava!, Denís, Eric LePeich, Et Suseia Tradicional, Díaz, Minguante, Os Dous Porquinhos e Roger de Flor e Pedro Montilla. Eses días, tanto veciñas/os como visitantes, poderán gozar da música en directo en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas en diferentes localizacións do casco antigo da vila.

PROGRAMACIÓN INFANTIL E TEATRO

Presentación 'Semana Santa ao Vivo' 2023. Foto: Concello de Allariz.
Presentación 'Semana Santa ao Vivo' 2023. Foto: Concello de Allariz.

O venres 7 e o sábado 8 haberá en horario de mañá e de tarde están programadas dúas actividades pensadas para público familiar. O venres será a quenda do Mago Deimi, que actuará ás 11:30h na Praza do Matadoiro e pola tarde ás 17:00h na Praza de Abaixo. O sábado será a quenda de Bandullo Azul, contacontos que estará no mesmo horario e localizacións que o venres o Mago. 

O xoves 6 de abril haberá un roteiro teatralizado que leva por título “Quen levou as pedras do Castelo? Terá prazas limitadas polo que as persoas que queiran asistir deberán inscribirse previamente no correo turismo@xeitura.com . Esta actividade comezará ás 17:00h dende a Oficina de Información Turística.

MERCADOS DE ARTESANÍA E GASTRONOMÍA

O patio do Museo do Coiro acollerá dende o xoves ata o domingo, o Mercadiño de Artesanía no que participan artesáns de Allariz. Unha representación de artistas exporán as súas obras feitas en coiro, cerámica ou pedra, entre outros.

O Mercado da Reserva da Biosfera ampliará o seu horario e abrirá o venres e sábado de 10:00h a 14:00h. As persoas visitantes ademais de mercar os produtos da reserva da biosfera, como o queixo do Rexo, o pan artesán, leite ecolóxica, mel, hortalizas ou produtos elaborados con castañas; poderán degustar, de xeito gratuíto, pratos elaborados con estes produtos.

VISITAS GUIADAS E ROTEIROS

Haberá visitas guiadas ao casco histórico o xoves e venres, e un roteiro en Santa Mariña de Augas Santas e Armea, durante as mañás dende o 3 ata o 9 de abril. Para concertalo contactar en turismo@xeitura.com

O Rexo tamén ofertará visitas guiadas á súa granxa, queixería e tamén ecoespazo en horario de mañás e de tardes. Consultar dispoñibilidade na súa páxina web www.orexo.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta