Por Galicia Confidencial | Santiago | 04/02/2015 | Actualizada ás 08:00
Comisión Directiva de Programación da TVG aprobou abordar a participación nun total de nove producións audiovisuais, escollidas entre as que presentaron as súas propostas á TVG ao longo do presente exercicio. Os proxectos contemplados comprenden a realización de cinco longametraxes, dúas delas de animación e catro documentais.
Despois de avaliar os proxectos presentados no rexistro correspondente, sobre o procedemento de proxectos audiovisuais de interese para TVG, nos próximos meses a canle pública galega participará nas seguintes producións: “Toro”, “As mimosas”, “María e os demais”, “Maimiño”, “A tropa de trapo 2”, “A seara”, “O ferry de Portomouros” e “A batalla descoñecida”.
“Toro”, a nova aposta cinematográfica de Zircozine, agora en coprodución con Apaches Enterteinment e EscandaloFilms, é un ‘thriller’ de acción con dous recoñecidos actores galegos nos papeis protagonistas, Luís Tosar e Mario Casas. Producida por Zeitun Films, “As Mimosas” é a segunda longametraxe de Oliver Laxe, un relato de aventuras co selo persoal do único director galego premiado en Cannes. A comedia dramática, “María (e os demais)”, de Frida Films, é a ópera prima de Nely Reguera, con José Ángel Egido no elenco e cun protagonismo feminino, localizada nunha Galicia emotiva e sensitiva.
No apartado das longametraxes de animación, a TVG colaborará na realización de “Maimiño”, unha nova coprodución de Ficción Producciones con Cuba, que adapta o popular conto infantil, e “A Tropa de Trapo 2. A tropa de trapo na selva do arco da vella”, de Abano Producións, é candidata aos Goya 2015. A TVG xa participara na súa primeira película e posúe os dereitos de emisión da serie do mesmo nome para a televisión, produción que á canle pública estalle a reportar bos resultados na súa emisión.
A Galega acordou amais participar en catro documentais: “A Seara” (A Fonsagrada Producións), nova produción dirixida por Pepe Coira, que achegará o proceso de revitalización dunha pequena aldea do Caurel, situada ao pé do pico de Formigueiros, a punto de esmorecer; “O ferry de Portomouros” (Formato Producciones), unha proposta documental de gran beleza plástica, que toma o transbordador como vehículo para transmitir historias humanas enraizadas no día a día de xente común; “En todas as mans” (cooperativa Trespes), centrado na realidade do monte veciñal en Galicia e Portugal, e “A batalla descoñecida” (Agallas Films), proxecto que afonda nos feitos reais que lle serviron de marco ao filme “Lobos Sucios”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.