Por E.P. | Galicia | 28/03/2023 | Actualizada ás 18:32
A Xunta de Galicia lamenta que o Goberno central "negase a participación" das comunidades no novo proxecto de lei de familias, aprobado este martes en segunda volta polo Consello de Ministros, a pesar de "invadir competencias" que exercen os executivos autonómicos.
Segundo resaltan fontes da Consellería de Política Social e Xuventude, este departamento presentou alegacións en decembro "en defensa das familias galegas" que o Ministerio de Dereitos Sociais, que promove a nova norma, "non contestou".
As alegacións da Xunta pasaban por manter o concepto 'familia numerosa', que no novo texto lei están incluídas no grupo de 'familias con maiores necesidades de apoio á crianza'; e por evitar que máis de 2.000 familias monoparentais galegas "perdan o seu título por culpa desta lei" e a súa incompatibilidade coa galega.
Política Social tamén sinala que a norma "chega con atraso" porque, por exemplo, avoga por facilitar o acceso á educación de 0 a 3 anos cando "en Galicia xa é gratuíto para todas as familias" e o Goberno central "non pon nin un só euro" para implantar esta medida, que está financiada na Comunidade "exclusivamente con fondos propios".
Ademais, a Consellería tacha de "decepcionante" o texto porque "incumpre o catro principais promesas" que realizou o Executivo neste ámbito. Entre elas, cita dúas ausencias: a ampliación dos permisos de maternidade e paternidade a 24 semanas e o permiso de 8 semanas remuneradas, que queda en "unha mera excedencia" coa norma aprobada.
Tampouco recolle, sinala a Xunta, nin "unha nova renda universal" pola crianza de fillos ata o tres anos --só inclúe unha prestación de 100 euros mensuais que "xa existía" con Mariano Rajoy-- nin a equiparación das familias monoparentais ás numerosas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.