Denuncian a "precariedade" das empregadas do fogar cun 60% das traballadoras sen dar de alta

A CIG reclama ás administracións un convenio "que garanta a seguridade laboral"

Por Europa Press / Redacción | Galicia | 29/03/2023 | Actualizada ás 15:44

Comparte esta noticia

Na véspera do Día Internacional das Traballadoras do Fogar, a Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou "a situación de precariedade que sofre este sector" na comunidade, cun 60% de empregadas sen dar de alta na Seguridade Social, o que o sindicato definiu como "un coadoiro de economía mergullada".

A CIG reclama ás administracións un convenio para o sector que "garanta a seguridade laboral das traballadoras". No acto interviñeron a secretaria Confederal das Mulleres da CIG, Nicolasa Castro, a portavoz de 'Xiara. Asociación de Empregadas de Fogar', Teresa Rodríguez, e a secretaria nacional de CIG-Servizos, Transi Fernández.

Rolda de prensa en CIG na véspera do Día Internacional das Traballadoras do Fogar
Rolda de prensa en CIG na véspera do Día Internacional das Traballadoras do Fogar | Fonte: Europa Press

Actualmente en Galicia hai 24.000 traballadoras do fogar dadas de alta na seguridade social, aínda que, segundo os datos achegados por Teresa Rodríguez, esta cifra só representaría un 40% do total de empregadas que hai en toda a comunidade. Isto suporía a existencia de case 36.000 persoas deste sector "cobrando en negro".

Unha situación que o sindicato definiu como "un coadoiro de economía mergullada" e que demostra que, a pesar da recente regulación do servizo de fogar familiar do Goberno, este é "un colectivo moi precarizado", asegurou Rodríguez.

BONIFICACIÓNS INSUFICIENTES

A representante de Xiara reclamou que, ademais das bonificacións que a administración facilita á parte empregadora para que poidan pagar o SMI ás súas traballadoras, tamén debería "existir algún tipo de bonificación á parte empregada".

Tamén esixiu a colaboración de Inspección de Traballo para "comprobar en que condicións laborais se atopan as empregadas do fogar", así como para "cubrir os posibles riscos laborais".

Así mesmo, afirmou que o dereito que teñen as empregadas desde o 2022 de cobrar o paro "non serve de nada" se non se establece algunha prohibición para que os empregadores do fogar non as poidan despedir en "forma de desestimamento" e "sen ningunha xustificación".

CONVENIO GALEGO TRABALLADORAS DO FOGAR

A sindicalista Transi Fernández insistiu en que "están a manter reunións" para lograr un convenio que, máis aló das bonificacións, asegure que todas os traballadores cobren o salario mínimo interprofesional. "O incremento do SMI está moi ben, pero ninguén se preocupa de que isto se cumpra", aseverou.

Pola súa banda, Nicolasa Castro declarou que "os múltiples intentos" por parte do sindicato para establecer un convenio galego para este colectivo "non tiveron resposta por parte da Xunta", que, asegurou, "segue mirando para outro lado".

Neste sentido, Castro criticou que a Xunta "siga privatizando os servizos públicos de asistencia no fogar" e non lexisle para "avanzar nos dereitos laborais" dun sector que, de estar totalmente regularizado "achegarán moito á seguridade social".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta