Profesionais dos CIM denuncian "desgaste físico e psicolóxico" ante a "sobrecarga de traballo"

Os profesionais destes centros esixen a cobertura de baixas e o reforzo de persoal con traballadores de apoio "canto antes" para a "atención de tarefas administrativas", así como "perfís especializados en igualdade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/04/2023 | Actualizada ás 12:05

Comparte esta noticia

A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM) denunciou nun comunicado "a sobrecarga de traballo" á que teñen que facer fronte desde os CIM, o que "está a repercutir na súa saúde", cun "desgaste físico e psicolóxico" destes traballadores, derivado dun "persoal insuficiente e unha excesiva burocratización".

En particular, a asociación alerta do "risco psicosocial" que representa o seu traballo, xa que, do mesmo xeito que o persoal sanitario, a atención a usuarias faise "nun contexto de máxima complexidade" que "esixe un gran esforzo mental". "Se a isto lle engadimos unha xornada laboral superior á estipulada e a dispoñibilidade para atender cuestións de carácter administrativo e de coordinación, obtemos un persoal e un servizo totalmente saturados e esgotados", apuntan.

Entre outros elementos, os profesionais destes centros esixen a cobertura de baixas e o reforzo de persoal con traballadores de apoio "canto antes" para a "atención de tarefas administrativas", así como "perfís especializados en igualdade".

Os Centros de Información á Muller de Galicia, lembran, "teñen un papel fundamental na atención ás mulleres vulnerables", prioritariamente ás vítimas de violencia de xénero. "Só con CIM ben dotados de recursos humanos e materiais será posible facer un traballo efectivo á hora de eliminar a violencia contra as mulleres e de apoiar e orientar ás vítimas, articulando procesos efectivos de asesoramento xurídico, de atención psicolóxica, e de orientación profesional e sociolaboral", finalizan.

Centro de Información á Muller en Ribeira
Centro de Información á Muller en Ribeira | Fonte: páxinas amarelas

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta