O Comité denuncia "castigos" da CRTVG para os traballadores que "denuncian a manipulación informativa"

A oposición pediu a reprobación do director xeral e o PP acúsaos de seguir a estratexia de Trump no seu "acoso" á CRTVG

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/04/2023 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

O BNG e o PSdeG pediron este martes a reprobación do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, no pleno da Cámara galega, unha reclamación que non saíu adiante ao contar co rexeitamento do grupo maioritario, o Partido Popular.

Durante o debate da moción, presentada polo Bloque e apoiada polos socialistas, celebrouse ás portas do Pazo do Hórreo unha concentración convocada polo Comité Intercentros da CRTVG, que avanzou que proximamente se prevén determinar novas xornadas de folga contra os "abusos" por parte da dirección.

En declaracións aos medios, o presidente deste comité, Tiago Alvite, considerou que o director da CRTVG debe ser reprobado por "instrumentalizar" os medios públicos galegos "ao servizo dos intereses do Partido Popular".

Así mesmo, denunciou que a dirección leva a cabo "castigos", nunha "forma de fustrigación empresarial", "cambiando de tarefas habituais ás persoas traballadores" que "denuncian a manipulación informativa".

"Non hai unha xustificación organizativa para eses cambios, entendemos que son castigos que se dan no contexto da denuncia da manipulación informativa que fan traballadores da CRTVG", subliñou para pedir o cesamento destes cambios entre empresas --radio e televisión--, que "ata agora se facían de forma voluntaria e que agora se fan de forma obrigatoria".

Tiago Alvite lembrou que a concentración deste martes ante a Cámara galega enmárcase en "unha mobilización máis ampla" que arrincou coa folga do 6 de marzo. Ademais, tras os paros do 24 e 25 dese mes, sinalou que prevén determinar nas próximas semanas outras xornadas de folga na CRTVG.

Tras incidir en que a "manipulación informativa" e a "represión" contra os traballadores "debe cesar", considerou necesario que o Parlamento de Galicia "reaccione" e "cambie" ao director xeral, "garantindo o nomeamento dun que actúe con independencia do poder político".

A OPOSICIÓN PIDE A REPROBACIÓN DE IZQUIERDO

Pola súa banda, na Cámara galega, a deputada do Bloque María González Albert defendeu unha moción a través da que demandou a reprobación de Alfonso Sánchez Izquierdo pola situación da CRTVG e o "incumprimento reiterado" da Lei de medios de comunicación audiovisual públicos de Galicia.

Na súa intervención, a parlamentaria nacionalista acusou ao Partido Popular de levar a cabo un "desmantelamento planificado" dos medios públicos galegos e dirixiuse á bancada popular para lembrar que os 124 millóns de euros que os orzamentos autonómicos para 2022 destinaban á corporación son "da cidadanía". "Non son seus nin do goberno", sostivo para asegurar que os galegos delegan na Xunta para que leve a cabo unha xestión "cun mínimo de eficiencia e cumprindo o obxectivo que ten que cumprir".

Fronte a iso e tras lamentar que "de reparo" falar de "calidade e obxectividade" nos informativos da Radio Galega e a Televisión de Galicia, denunciou tamén as "represalias e castigos" aos profesionais que deciden "tratar de manter a súa independencia informativa".

Pola súa banda, a deputada socialista Noa Díaz incidiu en que o tempo do director xeral "está máis que esgotado" despois de 14 anos no posto a pesar de que a lei "marca" que se debe renovar "cada cinco anos". "Hai cuestións suficientes para demostrar que, se hai sentido de país, toca unha nova dirección cun proxecto de país e non cun proxecto do PP", dixo.

Tamén censurou que continúe sen aprobarse o estatuto profesional, así como o consello de informativos que vele pola "independencia e obxectividade". Ademais, denunciou a vulneración dos dereitos dos traballadores, "como acreditan centos de sentenzas", a falta de respecto ao dereito de folga, así como ao idioma galego.

O PP ACUSA DE "POPULISMO" Á OPOSICIÓN

En fronte, a deputada do Grupo Popular Carmen Pomar asegurou que o "acoso" do BNG e do PSdeG á CRTVG é a "estratexia propia dos populismos en relación cos medios de comunicación", ao "máis púo estilo de Trump".

"Cuestionan a independencia do director xeral da CRTVG, que nunca foi en ningunha lista electoral, mentres que algunha das persoas que encabezan as protestas por esta falta de independencia, que vostedes avalan, van nas súas listas electorais", sostivo Carmen Pomar.

Ademais, dixo que "do mesmo xeito que o trumpismo", "converten no seu principal inimigo á CRTVG, que sofre as consecuencias deste clima hostil e convértena en chibo expiatorio ao que demonizar e humillar de forma crecente".

Carmen Pomar, que cualificou a moción defendida este martes no pleno polo BNG de "propagandista", criticou que a oposición queira relevar ao director xeral "porque é independente". "Non está ao servizo de ninguén, non lle poden dar ordenes, non lle poden facer as escaletas dos telexornais nin lle poden impor a que actos van ou non as cámaras da TVG, porque en realidade o que buscan é máis tempo para Ana Pontón nos informativos e maioría de tertulianos afíns nos debates e faladoiros", sostivo.

Na xornada deste martes a Cámara galega prevé acoller o debate doutra iniciativa sobre a CRTVG, neste caso unha proposición non de lei do PSdeG, tamén para reclamar a reprobación do director xeral e pedir o cesamento das "represalias" contra os traballadores.

OUTRAS MOCIÓNS REXEITADAS

Na sesión, ademais, foron rexeitadas outras dúas mocións. A primeira delas, defendida polo deputado do BNG Iago Tabarés reclamaba instar á Xunta a traballar co Goberno de España nunha modificación normativa que permita que as propostas remitidas polas Comunidades autónomas teñan maior vinculación nas decisións do Ministerio de Xustiza en materia de planta e demarcación xudicial.

A segunda, presentada pola socialista Carmen Rodríguez Dacosta, reclamaba a convocatoria do Consello Autonómico de Emprego, así como dos consellos provinciais, órganos que, segundo denunciou a parlamentaria, "non se reuniron nin unha soa vez nesta lexislatura".

Concentración do Comité Intercentros da CRTVG ante o Parlamento de Galicia
Concentración do Comité Intercentros da CRTVG ante o Parlamento de Galicia | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta