A Cámara galega avoga por loitar contra a discriminación do pobo xitano e avanzar nos seus dereitos

Miguel Santalices deu lectura este mércores a unha declaración institucional acordada polo tres grupos

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/04/2023 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

Con motivo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano, celebrado o pasado 8 de abril, o Parlamento de Galicia avogou por continuar traballando en medidas concretar para reducir a desigualdade, loitar contra a discriminación e o antixitanismo e avanzar en dereitos para este colectivo.

O presidente do Lexislativo galego, Miguel Santalices, deu lectura este mércores a unha declaración institucional acordada polo tres grupos da Cámara con motivo desta efeméride que conmemora o primeiro Congreso mundial xitano, celebrado en Londres en 1971.

"O 8 de abril, Día Internacional do Pobo Xitano é un día para recoñecer a contribución que os xitanos e xitanas fixeron á nosa sociedade durante máis de seis séculos de historia compartida, e de dar un paso adiante na loita pola igualdade de oportunidades e de dereitos das persoas xitanas", pronunciou Santalices.

O texto sinala que, aínda que coa instauración da democracia o pobo xitano foi alcanzando cotas de igualdade e transformando as súas condicións de vida, aínda son moitos os retos pendentes en ámbitos como a educación, o emprego ou o acceso a unha vivenda digna.

Así mesmo, destaca que un motivo de especial de celebración deste 8 de abril é a aprobación en xuño de 2022 da Lei integral para a igualdade de trato e non discriminación, que ademais incorpora o antigitanismo como delito de odio no Código Penal.

"Outro recente fito foi a aprobación do informe da Subcomisión para alcanzar un pacto de Estado contra o antigistanismo e a inclusión do pobo xitano na Comisión de Dereitos sociais do Congreso", subliña.

Segundo indica a declaración, trátase de dous momentos moi relevantes para a historia do pobo xitano que non serían posibles sen o impulso dos deputados e deputadas xitanos que ocupan un escano no Congreso.

O texto lido polo presidente do Parlamento fai referencia tamén ao feito de que 2023 sexa un "ano marcado polo calendario electoral" para asegurar que se abre unha "oportunidade" para que as persoas xitanas continúen avanzando e ocupando un espazo diferente, desde dentro das institucións.

CASOS DE ANTIXITANISMO

Ademais, con motivo desta conmemoración, o texto lembra os graves casos de antixitanismo que sufriron algunhas familias xitanas de Peal de Becerro (Xaén) e Íllora (Granada) o pasado verán, nos que, tras o acoso e a persecución dos veciños, familias entereas víronse obrigadas a deixar as súas casas.

"Unha práctica con visos de converterse en recorrente á vista do ocorrido en localidades como Estepa, Castellar ou Martos. Este tipo de situacións son un claro síntoma de que, a pesar da recente aprobación da Lei intetral de igualdade de trato, o antigitanismo segue enquistado na nosa sociedade", sinala.

Bandeira do pobo xitano
Bandeira do pobo xitano | Fonte: RTVE

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta