Por Europa Press / Redacción | Compostela | 14/04/2023 | Actualizada ás 10:25
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, continúa en América, nunha viaxe que o levará por Panamá, Venezuela e México, mentres que a líder do BNG, Ana Pontón, viaxará esta fin de semana a Suiza. Unhas viaxes que, curiosamente, teñen lugar a pouco máis dun mes das eleccións municipais en Galicia.
Na súa visita a Panamá, Rueda trasladoulle ao presidente da República de Panamá, Laurentino Cortizo, o interese de Galicia por afianzar lazos económicos e comerciais co país centroamericano, especialmente en ámbitos como a pesca ou as enerxías renovables. Rueda e Cortizo mantiveron un encontro nas últimas horas, no marco da xira americana que está a levar a cabo o titular da Xunta, no que tamén participaron os ministros de Obras Públicas e da Cultura do país, Rafael José Sabonge e Giselle González.
O presidente da Xunta puxo en valor os estreitos lazos entre Panamá e Galicia, non en balde, un terzo dos españois residentes nese país son galegos, unhas 4.000 persoas, e apostou por consolidar eses lazos no ámbito comercial, xa que actualmente hai 257 empresas de Galicia que exportan os seus produtos a Panamá.
O presidente panameño trasladou que o país ten como meta converterse nun 'hub' para o hidróxeno verde. "En Galicia estamos exactamente na mesma posición", lembrou Alfonso Rueda, que apostou por establecer "alianzas" con respecto á que chamou "a enerxía do futuro". Tamén se falou de pesca e de turismo,
INVITACIÓN A GALICIA
De feito, o titular da Xunta trasladou a Laurentino Cortizo unha invitación para visitar Galicia e realizar un tramo do Camiño de Santiago, que se converteu en "marca Galicia en todo o mundo". Alfonso Rueda proclamou que "a invitación queda aberta" para cando queira o presidente de Panamá, e que será recibido en Galicia "cos brazos abertos".
ANA PONTÓN
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, manterá unha serie de encontros coa comunidade galega en Suiza esta fin de semana, en concreto nas cidades de Xenebra, Zúric e Basilea.
Segundo informa a formación, manterá diversos encontros cos centros galegos e as galegas e galegos a título individual de distintas profesións "para coñecer a realidade da diáspora galega no país alpino". A líder da oposición trasladará, ademais, "o interese do BNG nas problemáticas que afectan a galegas e galegos na emigración como as pensións dos retornados e a fiscalidade".
En Zúric fará un acto público e estará acompañada pola eurodeputada do BNG e responsable de Relacións Internacionais, Ana Miranda.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.