Unha nova folga indefinida de funcionarios de Xustiza colapsará os xulgados a partir de luns

A Xunta decreta que só os xulgados de garda deberán contar coa totalidade dos seus efectivos ao ser considerado servizo esencial.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/04/2023 | Actualizada ás 17:32

Comparte esta noticia

Os xulgados galegos afrontan un novo conflito laboral cos paros diarios de tres horas que arrincarán este luns baixo a convocatoria de folga indefinida realizada polos sindicatos STAJ, UGT, CC.OO., CSIF e SPJ-USO en contra da Lei Orgánica de Eficiencia Organizativa no sector público da Xustiza.

Esta nova folga, que chega semanas despois do final da levada a cabo polos letrados de administración de xustiza (LAJ), provocará paros parciais entre as 10,00 e as 13,00 horas de luns a venres con excepción do 19 de abril, xornada na que os funcionarios están chamados a interromper a súa actividade durante todo o día.

Nun comunicado, as organizacións convocantes explican que os funcionarios demandan melloras salariais e profesionais "na mesma liña" das concedidas polo Ministerio de Xustiza aos LAJ, que puxeron fin á súa folga tras pactar incrementos retributivos de entre 430 e 450 euros brutos en función das distintas funcións e niveis.

Os paros irán acompañados de concentracións ante os edificios xudiciais das sete cidades galegas, así como unha "gran manifestación" en Madrid durante o día 19. A convocatoria non conta co respaldo da CIG, que si mostrou o seu respaldo ás mobilizacións en defensa de melloras retributivas pero que decidiu desmarcarse dos paros porque entende que "aínda está moi recente o ocorrido na folga de 2018" que tivo, para a central nacionalistas, "consecuencias nefastas".

SERVIZOS MÍNIMOS

Os servizos mínimos establecidos pola Xunta inclúen un xestor ou tramitador e un auxilio para as salas, rexistro e secretaría do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; un xestor, un tramitador e un auxilio para cada unha das seccións penais e mixtas das audiencias provinciais, nas que tamén deberán traballar un xestor ou tramitador por cada sección e un funcionario de auxilio por cada dúas seccións ou fracción.

Xulgados de Santiago de Compostela
Xulgados de Santiago de Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta