Publicados os baremos definitivos para o proceso selectivo de estabilización de persoal de enfermaría no SERGAS

Os aspirantes poden consultar as puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos na web do Sergas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2023 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

O Diario Oficial de Galicia publica este venres a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde polo que se declaran, con carácter definitivo, as persoas admitidas e excluídas na convocatoria do proceso selectivo de estabilización de persoal de enfermaría por concurso de méritos, e publícanse as puntuacións provisionais para o ingreso na categoría de enfermeiro.

Nun comunicado, a Consellería de Sanidade explica que a resolución deste proceso realizouse o pasado mes de xaneiro, terminado o prazo para presentarse o 16 de febreiro. Tras iso, en marzo, a Administración sanitaria procedeu a publicar os aspirantes admitidos.

Tras os traballos do tribunal nomeado neste proceso, realízase, este venres, a publicación da baremación dos 2.768 admitidos no prazo de dous meses desde que se publicaron os aspirantes admitidos. Neste proceso convocáronse 459 prazas, das que 32 corresponden á quenda de discapacidade.

Os aspirantes poden consultar as puntuacións provisionais, así como as listas coa relación definitiva de admitidos e excluídos na web do Sergas. Ábrese un prazo de dez días hábiles, ata o 8 de maio, para formular reclamación contra os resultados da baremasción provisional.

Así mesmo, este venres, dentro do proceso de estabilización, tamén se publica a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se aproban as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso en 95 categorías de persoal estatutario e tres clases de persoal sanitario Lei 17/1989.

O Sergas lembra que o pasado mes de marzo publicáronse as listas provisionais nas categorías de enfermeiro e médico de familia, sumando un total de 100 categorías convocadas por concurso de méritos.

A Xunta sinala que finaliza a publicación de admitidos e excluídos nos concursos de méritos convocados o 4 de xaneiro deste ano. O prazo para inscribirse neste proceso selectivo, no que os aspirantes conseguirán acceder a emprego fixo tras a valoración do seu currículo profesional sen realización de exame de oposición, terminou o 16 de febreiro, publicándose as listas provisionais dous meses despois de terminar o prazo de inscrición.

As 95 categorías estatutarias nas que se publican este venres os admitidos e excluídos provisionais, inclúen persoal de todos os estamentos, médico especialista, persoal investigador, enfermeiro especialista, persoal de mantemento, persoal administrativo,técnicas sanitarios, traballadores sociais, entre outros.

O número total de prazas convocadas neste proceso de concurso de méritos para o persoal estatutario é de 1.757 prazas, ademais de 34 prazas por concurso de méritos para persoal investigador.

Neste proceso resultaron admitidos, con carácter provisional un total de 7.995 aspirantes, que sumados aos xa admitidos nas categorías de enfermeira 2.768, e médico de familia 349, suma un total de 11.112 aspirantes admitidos. As listas están dispoñibles na web do Sergas.

Os aspirantes excluídos ou que non aparezan tamén dispoñen de dez días hábiles para presentar reclamación dirixida á mesma unidade de validación á que dirixiron a instancia de participación. Ademais, habilitouse un correo electrónico no que os aspirantes poden consultar as súas dúbidas: oposicions@sergas.es.

Unha OPE do SERGAS. Xunta de Galicia
Unha OPE do SERGAS. Xunta de Galicia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Isabel

Si unha vergonza a promoción interna non lle puntuan o tempo que traballan como enfermeiros.Por riba de ir por libre non lle reservar plazas ainda non lles puntúan o tempo traballado .Non sei que se vai facer pero a inxusticia más grande vista e firmada pola maioria dos nosos representantes sindicales excepto cig