A chuvia non impide que miles de persoas rodeen a sede da Xunta para pedir o fin da "depredación" eólica de Galicia

O prazo límite para conseguir unha autorización previa administrativa por parte da Xunta conclúe o día 25

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2023 | Actualizada ás 15:47

Comparte esta noticia

A intensa e constante chuvia que caíu este domingo en Santiago non impediu que miles de persoas --máis de 2.000 segundo os organizadores-- rodearan a sede da Xunta de Galicia en Santiago de Compostela para reclamar a paralización da aprobación dos 77 proxectos eólicos que xa recibiron a declaración de impacto ambiental positiva e cuxa posta en marcha cren que "implicará danos irreparables". 

Cunha cadea humana baixo a chuvia e co lema 'Rodeamos a Xunta. Non á depredación macro-eólica especulativa', a Coordinadora Eólica Así Non dá por cumprido "con fartura" o reto de rodear a Xunta "como a Xunta pretende rodear aos galegos e galegas con parques e infraestruturas eólicas".

Así, os manifestantes volveron a reclamar unha transición enerxética "xusta e sustentable" e non "á conta de todo". Por iso, demandan á Xunta unha planificación enerxética "ordenada e ao servizo do pobo", a ampliación da rede de espazos naturais protexidos e a "restitución dos dereitos de participación pública nos procesos de autorización".

Do mesmo xeito, advirten de que "os danos" da aprobación de todos estes proxectos eólicos poden ser "irreparables, tanto ambiental como socialmente". Ao finalizar a marcha, leron un manifesto no que esixiron ao Goberno galego que denegue as autorizacións de "as ducias de macroparques eólicos aos que a Consellería de Medio Ambiente xa outorgou permiso ambiental o pasado mes de xaneiro". Estes 77 parques eólicos, explican, teñen de prazo límite ata este martes, 25 de abril, para poder conseguir autorización previa administrativa por parte da Xunta.

MÁIS EXPEDIENTES

Así mesmo, reclaman a "inmediata paralización" duns 150 expedientes eólicos que a Xunta, apuntan, "aínda mantén en tramitación". Eólica Así Non, conformada por máis de 200 colectivos do ámbito ecoloxista, sindical, veciñal e comunidades de montes, lembrou que levan máis de dous anos "reclamando unha nova planificación pública, ordenada e ao servizo do pobo". "Agora a paralización de todos os proxectos é máis necesaria que nunca", expoñen.

"Os galegos e galegas non podemos nin debemos tolerar este asalto de cara das grandes multinacionais especuladoras da enerxía, nin gobernos que, para favorecelas, ponñenen risco o futuro de todo un país", reivindican. Por último, piden tanto á Xunta como ao Goberno central que "recapaciten" para "evitar a destrución irreparable do país" e camiñar cara a unha transición enerxética "xusta e sustentable" que "respecte ao pobo galego e a Galicia".

Manifestación ás portas do edificio da Xunta, en San Caetano, de centos de persoas convocadas pola Coordinadora Eólica Así No! contra os proxectos eólicos / ÁLVARO BALLESTEROS - EUROPA PRESS / Europa Press
Manifestación ás portas do edificio da Xunta, en San Caetano, de centos de persoas convocadas pola Coordinadora Eólica Así No! contra os proxectos eólicos / ÁLVARO BALLESTEROS - EUROPA PRESS / Europa Press

Na protesta participaron dirixentes de formacións políticas a título individual do BNG, PSdeG, Anova ou Unidos Podemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta