Os galegos son menos pobres, pero teñen menor salario e o 40% non pode ir de vacacións

O risco de pobreza ou exclusión social en Galicia baixa ata o 23,6%, por baixo da media nacional

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/04/2023 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

O 23,6% dos galegos estaba en risco de pobreza ou exclusión social en 2022, o que supón case dous puntos porcentuais menos que un ano antes (25,2%), segundo a Enquisa de Condicións de Vida que publica este luns o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Así, Galicia sitúase mellor que a media nacional, xa que no total de España un 26% da poboación estaba en risco de pobreza ou exclusión social Arope (polas súas siglas en inglés, At Risk Of Poverty or social Exclusion).

Ademais, o 18% dos galegos estaba en risco de pobreza, 2,2 puntos menos que un ano antes e 2,4 puntos menos que a nivel nacional, onde unha de cada cinco persoas (20,4%) está en risco de pobreza.

O peso dos salarios no PIB galego subiu pero é máis baixo que a media do Estado
O peso dos salarios no PIB galego subiu pero é máis baixo que a media do Estado | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

INGRESOS

Pola contra, os ingresos medios por persoa en Galicia sitúanse nos 12.352 euros, por baixo dos 13.008 euros que percibe a media española. Entre outros datos, o 39,1% dos galegos non pode permitirse ir de vacacións fóra de casa polo menos unha semana ao ano. Esta cifra dista da media española, que está no 33,5%.

Ademais, un 29,3% dos habitantes de Galicia non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos, do mesmo xeito que lle ocorre ao 35,5% do total de españois. Así mesmo, un 9,4% dos galegos asegura ter atrasos en pagos relacionados coa vivenda principal ou en compras a prazos, do mesmo xeito que lle ocorre ao 13,2% dos españois. Un 7% da poboación galega considera ter "moita dificultade" para chegar a fin de mes, como o 8,7% do total de España.

Entre outros datos, o INE tamén publica cifras sobre as condicións da vivenda, onde o 93,4% dos galegos móstrase satisfeito en xeral co fogar no que reside, só superados polos asturianos (93,6%). A media española está no 88,1%.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta