Formoso avisa a Rueda ante as municipais: "A marca Feijóo non está axudando nada"

O secretario xeral do PSdeG cre que os populares poñen a “venda antes que a ferida” ao asegurar que se non recuperan a Deputación da Coruña non pasa nada.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 24/04/2023 | Actualizada ás 13:14

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, dixo este luns que percibe nerviosismo no PP ante as municipais e asegura que a “marca Feijóo non está axudando nada” porque “cada vez que abre a boca sobe o pan”.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, en rolda de prensa. PSDEG

Formoso fixo estas declaracións ao fío das palabras pronunciadas por Rueda na fin de semana sobre o PSdeG, logo de participar nun acto da Deputación da Coruña. Sinalou que a incomodidade que aprecia no Partido Popular explícase por unhas eleccións municipais “moi difíciles para eles”, xa que as perspectivas dos socialistas son francamente boas para manter o seu amplo poder local.

Ademais, entende que a “marca Feijóo” non está contribuíndo a mellorar a situación no PP, xa que “cada vez que fala sube o pan”. Logo de que recriminase a Pedro Sánchez non apoiar á cultura chinesa dende unha exposición en Alacante, mentres o presidente do goberno estaba na propia China, e de que fixera algo similar organizando a súa propia versión do cumio Iberoamericano, Formoso ironizou sobre que “cando Pedro Sánchez se reúna con Biden, Feijóo irá a un McDonald´s” a queixarse de que non o faga Sánchez.

REVALIDAR A DEPUTACIÓN 

Ante as declaracións do vicepresidente da Xunta, Diego Calvo, sobre que se os populares non recuperan a Deputación da Coruña “non pasa nada”, Formoso asegurou que “está ben que se poñan a venda antes que a ferida”

Reivindicou a institución provincial como “un lugar de consenso” e aspira a que os socialistas revaliden a súa presidencia logo da “revolución nunca coñecida” nestes últimos oito anos, nos que puxeron a xeración de emprego como obxectivo transversal das súas políticas. Un “modelo de goberno que chegou para quedarse” baseado na “transparencia, obxectividade e autonomía dos mesmos á hora de transferir recursos aos concellos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta