Somos Brian

Cando en outubro de 1983 cheguei a Santiago para estudar Económicas facíache falta unha libreta de tamaño mediano para anotar todos os grupos da esquerda que pululaban polos campus. E iso que, polo que logo souben, non eran nin a mitade dos que xa foran nos anos xusto seguintes á morte de Franco.

Por Emilio Martinez | Vigo | 02/03/2015

Comparte esta noticia
A Liga Comunista Revolucionaria, o Movemento Comunista de Galicia, o PCE-Marxista-Lenista, o Partido Socialista dos Traballadores, as organizacións do nacionalismo, Esquerda Galega, o BNG, a UPG, ERGA, UMG, e non sei se xa no 83 ou nos anos posteriores o Partido Comunista do Pobo Galego, ou outras tan pintorescas como Unificación Comunista de España, os de “Nin iankis nin rusos”, ou a Unión de Loita Marxista-Leninista, que seguían, dicían, a vía de Sendero Luminoso trazada pola divina man do camarada Gonzalo. E sei que había mais, no 84 nunha viaxe a Bilbao descubrín que tamén había o Partico Obrero Socialista Internacionalista, POSI, ou o Partido Comunista Obrero Español. Por non mentar outras que nin sequera cheguei a coñecer: Organización Revolucionaria dos Traballadores, a ORT, Organización Comunista de España-Bandera Roja, Larga Marcha… e non cito ao PCE e as súas sucesivas divisións e subdivisións ao longo dos anos… antes da nanotecnoloxía xa a esquerda que se dicía transformadora descubrirá as nanoorganizacións…
 
Entre tantas siglas e tantas verdadeiras interpretacións do maoísmo, o leninismo, o marxismo revolucionario, o troskismo era frecuente que a xente se perdera en disquisiciones inútiles, ou se daba á bebida ou acababa dedicado cousas menos complicadas, física cuántica ou a búsqueda da orixe do universo. Aquela gracieta sobre troskistas: dous troskistas con un partido, tres unha escisión e catro…. Alguén veu algunha vez catro troskistas xuntos?. Era a crua descrición dunha realidade que non era patrimonio dos troskistas.
 
Durante os anos 80 e os 90 temos dous exemplos distintos do contrario ao permanente estado de división da esquerda. E temos dous exemplos de todo o que a unidade pode conseguir.
 
Nos anos 80 os Comités Abertos de Facultade souperon xuntar a todas as sensibilidades politicas á esquerda do PSOE, e hai que dicir que o PCE/PCG era moi testemuñal, nunha organización unitaria, que foi hexemónica no movimento estudantil universitario, que daquela había, sobre a base de moita xenerosidade, dun programa de mínimos, da capacidade para atraer a persoas sen filiación partidaria… O devale dos CAF, a mediados dos 90 foi froito da imposición por parte dos sectores próximos á UPG dunha forma de facer e actuar que supoñía mudar as normas do xogo interno… aproveitando a maioría para suprimir ás minorías… os CAF deixaban de ser os CAF para ser simplemente a organización satélite do partido. 
 
Nos anos 90 o “Proxecto Común” do BNG consígueo agrupar no seu seo aos restos da esquerda radical, a unión do MCG e a LCR, a organización sucesora de Esquerda Galega, o centro nacionalista representado polo PNG-PG e coa capacidade para crear sinerxías a moitos independentes. A ata onde chegou o beneficio desa unión é ben coñecido. Unha vez mais a xenerosidade, duns mais que de outros, foi un dos ingredientes necesarios para obrar o mirage de converterse na alternativa ao PP superando por primeira vez ao PSOE nunhas eleccións autonómicas. O que pasou no ano 2011 ainda hai que analizado con certa perspectiva que só da o tempo… pero as causas foron as mesmas de sempre, ou de case sempre… chegado un momento alguén pretende cobrar os réditos do investimento… o BNG, en base á lei das maiorías, deixaba de ser o BNG, deixaba de ser a organización onde moita xente se sentía cómoda. E a fin de contas case todos somos o suficintemente maiores como para determinar por nos mesmos as nosas obrigas voluntarias. 
 
Hoxe ás portas dunhas eleccións municipais, tic-tac, tic-tac… cada día un día menos… teñen xurdido iniciativas mil de unidade popular… sexan plataformas abertas, sexan gañemos, sexan mareas… parece que se fala tanto da dita unidade como pouco se practica. Tal vez eu sexa un bicho raro e tal vez non lle dedique moito tempo a iso de andar buscando información sobre todas esas múltiples iniciativas de “unidade”, pero o caso é que xa nin sei cantas hai nin sei que dice cada unha e en que se diferenza unha de outra… salvo nas persoas… Cando leo que nun sitio chegan a un consenso case me caen as bagoas da ledicia, imporase a xenerosidade sobre o personalismo que tanto abunda?. Ou traballaremos todos co maior ainco para que o PP acade cómodas maiorías nas próximas municipais?. Non o teño nada claro. Serán as organizacións de esquerda capaces de deixar a un lado as súas diferenzas e pensar na cidadanía?. A historia parece  dicirnos que non, que van pervivir esas diferenzas, que a cidadanía será o centro dos discursos e quedara ao marxe cando sexa a hora de tomar decisións, que ninguén vai ceder, que como van renunciar, dirán uns e outros, aos seus principios verdadeiros, ás verdades reveladas, aos sentimentos puros de amor ao pobo contidos no seu impoluto programa… que cedan outros, que están equivocados. A verdade que gustaría de estar errado, e que como nas películas do domingo pola tarde o final fora outro.
 
Supoño que nestes atribulados momentos para a esquerda nos que tan necesaria é a reflexión pausada eu propoño recuperar os clásicos, nos que sempre atopamos ideas. Eu o fixen así. Estes días rebusquei na colección de DVDs e atopei o que buscaba: “A vida de Brian”, a película interpretada en 1979 polos Monty Python´s. “Frente Xudaico de Liberación”, “Frente pola Liberación de Xudea”, “Unidade Popular Xudea”, “Unión Popular do Pobo Xudeo”… Tal vez fora bo que en tanta asemblea aberta, tanta chamada unidade, tanta convocatoria de primarias aparcara as seguro sisudas discusión e  dedicaran unha sesión ao visionado da película. Porque todo apunta que estamos en risco de acabar como as “brigadas suicidas” do filme. E esta vez quen vai escachar da risa vai ser a dereita. Nos imos ser os bufóns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.