O'Mega advirte de "consecuencias fatais" deixar en mans de Enfermaría a consulta de crianzas cando non hai médicos

"A ninguén se lle ocorrería que unha consulta de Cardioloxía fose atendida polo persoal de Enfermaría", di.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 28/04/2023 | Actualizada ás 10:33

Comparte esta noticia

O sindicato de facultativos O´Mega considera "insensato" o novo protocolo elaborado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) para a área sanitaria de Vigo, que establece que cando non haxa un pediatra presente nun centro de saúde sexa o persoal de Enfermaría o que se encargue de realizar a valoración dos menores que acudan a consulta.

Pediatra na consulta cun bebé
Pediatra na consulta cun bebé | Fonte: Arquivo

"Até agora, cando un neno acudía a un centro de Atención Primaria para unha consulta e non había ningún pediatra presente -algo que ocorre a miúdo dada a falta de persoal médico na sanidade pública galega- o protocolo indicaba que debía redirixirse ao centro médico de referencia ou ao servizo de urxencia", sinala a entidade nun comunicado. Pero a Dirección de Atención Primaria de Vigo comunicou o pasado venres ao persoal sanitario que a partir de agora, neses casos, será o persoal de Enfermaría o que se encargue de realizar unha primeira exploración do menor, tras o cal porase en contacto telefónico co pediatra do centro de referencia -se nese momento hai algún- ou co Servizo de Pediatría Hospitalaria para consultar o caso e transmitir á familia do menor o diagnóstico.

O´Mega considera que delegar no persoal de Enfermaría unhas atribucións para as que carecen de competencia "é unha irresponsabilidade" porque, aínda que a maior parte dos problemas que levan aos nenos aos centros de Atención Primaria son causadas por enfermidades leves, "existen tamén problemas graves con signos moi sutís que poderían non ser valorados adecuadamente por ollos inexpertos".

O sindicato médico cita como exemplos as sepsis ou a meninxite, que nun primeiro momento poden parecer problemas banais, ou as reaccións vacinaiss, que en ocasións derivan nunha urxencia vital, e engade que algo tan simple como unha revisión do estado de saúde "pode complicarse cunha reacción á vacina correspondente, con consecuencias que poden ser fatais". "A ninguén se lle ocorrería -sostén O´Mega- que unha consulta de Cardioloxía fose atendida polo persoal de Enfermaría", engade.

O'Mega  -que hai meses denunciou que a falta de especialistas no Sergas fai que máis de 11.000 nenos galegos carezan de pediatra- cre que o novo protocolo do Sergas para a área sanitaria de Vigo "só pretende enmascarar a falta de persoal médico na Sanidade galega", polo que esixe a inmediata retirada do novo protocolo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta