Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/05/2023 | Actualizada ás 14:01
O festival de danza, teatro e arte en acción 'Escenas do cambio' promovido pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura arrinca este xoves 4 de maio con tres xornadas dedicadas ás artes escénicas de vangarda; entre elas, unha experiencia de teatro itinerante para "redescubrir" Santiago de Compostela.
A obra itinerante 'Aquí mentres camiñamos', do brasileiro Gustavo Ciríaco e a austriaca Andrea Sonnberger, será a encargada de inaugurar esta novena edición, "cunha orixinal proposta na que público e artistas compartirán unha experiencia de descubrimento polas rúas de Santiago". Unidos por unha cinta branca, xuntos percorrerán as rúas de Santiago de Compostela nun camiño secreto que "convida a observar o espazo urbano con outros ollos, como os flanêurs do século XIX".
Tras o seu paso por importantes festivais e cidades como Nova York, Taipei, París, Londres, Porto, Praga ou São Paulo, entre outras, chega agora a Santiago con cinco pases no marco do festival. Do xoves 4 ao sábado 6 de maio, Escenas do Cambio programa un total de 10 creacións contemporáneas de danza, teatro, performance, música e poesía escénica nas que "as transformacións e conflitos sociais do presente teñen un papel protagonista".
ESTREAS
Entre as cinco estreas do festival, destacan as últimas creacións de Kirenia Danza (Afectos) e Matarile (Fráxil. Handle with care), que contaron co apoio do Centro Coreográfico Galego e o Centro Dramático Galego para o seu desenvolvemento.
A primeira estréase este xoves ás 20,30 horas no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, mentres que a nova peza dirixida por Ana Vallés terá o seu primeiro pase no Salón Teatro o venres 5 de maio ás 21,30 horas.
As outras obras inéditas desta edición son Pouco (ou alguén dirá que nos equivocamos), do dramaturgo canario Roberto García de Mesa; a peza colectiva Poescénicas, que crean e protagonizan cinco poetas galegas actuais (Yolanda Castaño, Silvia Penas, Xiana Arias, Nuria Vil e Neves Neira) e o debut musical da formación SONS-NÚS/CatroNubes,coa súa mestura experimental de jazz, arte visual e poesía, que pechará Escenas do cambio o sábado ás 21,30 horas no Gaiás.
Completan o programa Fálame, corpo, de Nazario Díaz, e Washington, do artista galego Matías Daporta, un xogo de espellos e realiades que recrea o casting da película que Lars von Trier nunca chegou a rodar tras Dogville e Manderlay.
Toda a información da programación de Escenas do Cambio está dispoñible na web da Cidade da Cultura e tamén na do festival _www.escenasdocambio.org_. As entradas poden adquirirse no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.