Por Galicia Confidencial | Ames | 02/03/2015 | Actualizada ás 13:45
Pilar Candocia será a cabeza de lista de Iniciativa Cidadá Ames Novo, unha formación integrada por varios grupos e formacións políticas que se presentará as vindeiras municipais. E o fará co aval de máis de 500 persoas que participaron, presencialmente ou a través de Internet, o que converte a este proceso de primarias no de maior participación de Galicia, segundo os seus impulsores.
O proceso comezou hai un par de semanas cando se candidataron 15 persoas para ocupar os 11 primeiros postos da lista, para o que tiñan que subscribir un estrito código ético. Finalmente, Votaron un total de 529 persoas, das cales foron votos válidos 496. “Foi unha auténtica sorpresa a participación por vía electrónica: 341, se ben 31 destes votos resultaron nulos ou errados.
Precisamente, Ames Novo suliña o feito de que a cifra de votación está por riba do 2,3% do último censo electoral de Ames, “unha participación moi elevada e descoñecida ata o momento neste tipo de procesos”. “Demos todo un exemplo de democracia, cos feitos a Iniciativa Cidadá Ames Novo está demostrando que se pode facer política doutro xeito”, apunta nun comunicado.
Pilar Candocia será a cabeza de lista ao obter 300 votos, e un apoio amplo ao resto dos candidatos nos que a práctica totalidade dos 11 primeiros teñen máis de cen votos cada un. O conxunto da lista electoral completarase posteriormente a través da decisión dunha nova asemblea aberta da Iniciativa.
Ames Novo destaca que, neste proceso, non só se trata de prometer participación, “trátase de contar coa xente desde o primeiro momento, deixando claro que somos unha iniciativa cidadá no que a xente de Ames decide de verdade, tamén as cousas importantes como o propio cartel electoral”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.