Empresas privadas poderán achegar ata 100.000€ ao fondo para recuperar terreos queimados

Actuará naqueles incendios forestais declarados como "incidente singular" polo Consello da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/05/2023 | Actualizada ás 16:39

Comparte esta noticia

A contía mínima das achegas privadas ao fondo de recuperación do territorio afectado por incendios forestais que prevé crear a Xunta a través da lei de aproveitamento de recursos naturais será de 100.000 euros. Así o establece o texto, que desde este venres e durante 15 días exponse a información pública, despois de ser aprobado este xoves polo Consello.

As achegas privadas ao fondo, que se beneficiarán dos incentivos fiscais ao mecenado, poderán consistir en doazóns e achegas irrevogables, puras e simples. Así mesmo, poderán formalizarse convenios de colaboración en actividades de interese xeral. Consideraranse legalmente afectas as finalidades xerais do fondo, salvo que na doazón ou negocio xurídico formalizado se precisase "unha finalidade ou destino específico".

Ademais, a lei precisa que este fondo actuará en terreos queimados por aqueles incendios forestais que se declaren como "incidente singular" polo Consello da Xunta. A lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia incorpora, entre outras cuestións, a creación dunha sociedade mixta para a xestión de proxectos de enerxías renovables con maioría de participación privada e a implantación dun canon para a eólica mariña.

FONDO PARA MONTES QUEIMADOS

Pola súa banda, o Fondo de Recuperación do Territorio Afectado por Incendios Forestais de Incidencia Singular, como se denomina no anteproxecto, créase como "un fondo específico" e "de carácter finalista", destinado a financiar as actuacións de recuperación das zonas do territorio afectadas.

Correspóndelle ao Consello da Xunta declarar que incendio forestal é considerado "como incidente singular" mediante acordo que se adoptará por proposta do conselleiro de Medio Rural, despois de informe o director xeral responsable na materia. Medio Rural creará, segundo a lei, unha comisión xeral de seguimento do fondo formada por persoas representantes do sector público e das entidades pertencentes ao sector privado que acheguen ao fondo e, de ser o caso, outras relacionadas co sector forestal ou coa protección ambiental.

Tamén se poderán crear comisións territoriais de seguimento do fondo, específicas para cada zona afectada por incendios, que estarán formadas por persoas representantes do sector público e de entidades do sector privado que fixesen achegas ao fondo ou sexan representativas no ámbito territorial afectado.

Fumarolas avivándose co vento en Cabreira, Baleira
Fumarolas avivándose co vento en Cabreira, Baleira | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta