Que pasa en Galicia coa alimentación gandeira desde o comezo da guerra en Ucraína

A guerra en Ucraína disparou os prezos das materias primas para fabricar compostos (pensos) destinados á alimentación sobre todo de cebadeiros intensivos. Á parte, durante os primeiros meses da guerra, o trigo e millo ucraínos estiveron en almacéns até que se puideron exportar, xa cuns prezos elevados. Nese momento a UE tivo que flexibilizar algunhas normas de cara a permitir a entrada de materias primas procedentes doutros lugares, principalmente América. Doutra banda, sobre as materias primas agrarias tamén pendura o risco da especulación no mercado a futuros e as novas medidas que a UE quere introducir na importación desde determinados lugares do mundo.

Por Moncho Mariño | Santiago | 20/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A especulación tamén afecta á agricultura e o sector do cereal, materia prima básica para fabricar pensos, parece o que máis interesea aos investidores. Durante os primeiros meses da crise de 2008, houbo un movemento de capital importante desde o sector inmobiliario ao sector dos cereais. Pasaron ao “mercado de futuros”, un sistema polo que se pode comprar a colleita de trigo que terá un país dentro de dous anos. Obviamente, farase ao prezo máis baixo posible para, finalmente, se as cousas non van mal, poder vendelo polo triplo ou máis do que custou. A cuestión é que esa colleita cando se compra é un papel, non hai un produto tanxible. Isto influirá no prezo que terán os pensos para alimentación de animais e tamén redundará, como ocorreu o ano pasado, nun aumento de máis insumos: combustible, enerxía, etc. Pasado xa un ano da guerra no leste de Europa, que está sucedendo en Europa para poder alimentar os animais destinados ao consumo humano?

O buque mercante Tramp Lady leva nas súas adegas 65.000 toneladas de cereal de Ucraína desde o porto de Chornomorsk
O buque mercante Tramp Lady leva nas súas adegas 65.000 toneladas de cereal de Ucraína desde o porto de Chornomorsk | Fonte: remitida

DE ONDE SE IMPORTA O GRAN?

A guerra é a constante negativa no mercado do cereal agora mesmo, aínda que, segundo algunhas das fontes, estaría remitindo grazas a unha serie de medidas. Mais nun principio “todo o gran preparado para exportar desde Ucraína estaba en almacéns, aínda que os axentes do mercado xa intuían a posibilidade de conflito, mais non nese ano. O caso é que o gran non saía e os prezos comezaron a subir até un 40%” di Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego (SLG). “Os especuladores tiveron beneficios multimillonarios comprando producións futuras”.

Deixando á parte a especulación, cando as materias primas procedentes de países do leste non chegaban aos nosos portos, soben os prezos, cal foi a solución? “España e Portugal negociaron coa UE a flexibilización das normas referentes a determinados produtos químicos” di Bruno Beade, director da Asociación Gallega de Fabricantes de Alimentos Compuestos (AGAFAC). “A flexibilización realizouse nas porcentaxes permitidas dun determinado pesticida que se usa en EE.UU e Arxentina cunhas proporcións maiores que na Unión”. Flexibilizar a porcentaxe dunha substancia pode axudar a rebaixar prezos no mercado das materias primas?

Levamos dous meses con baixas nos prezos de concentrado, mais seguimos coa incerteza da guerra en Ucraína” di José Ramón González de Unións Agrarias (UUAA). “Agora mesmo estase importando desde América moito cereal”, mais isto non pode ser perigoso para a produción? “A UE ten unha lexislación moi restritiva e podemos confiar nas normas da Unión”. Pola súa parte, desde AGAFAC, Bruno Beade sinala que “aínda que España e Portugal negociaron a flexibilización de certas normas, en España non entrou cereal nin de EE.UU nin de Arxentina, a principal fonte desde América é Brasil e tamén Romanía”.

AUTOCONSUMO PARA REDUCIR A DEPENDENCIA DAS IMPORTACIÓNS?

Galicia e o resto do Estado están perdendo terras agrarias e ao mesmo tempo incrementan as importacións de materias primas para alimentación animal. “Galicia necesita importar entre o 70 e o 80% do gran para fabricar compostos” di Beade. “A UE e os estados que a compoñen deberan reverter a actual situación de perda de terras de cultivo para amortecer o incremento das importancións” di Vilalba. “Facendo contas, o transporte en barco do cereal importado pode percorrer distancias de 4.000 quilómetros deixando unha pegada de carbono importante”.

“Necesitamos terras agrarias para termos granxas fortes que non dependan tanto das importancións” di Vilalba. A recuperación de terras agrarias podería ser o factor clave para frear ou polo menos amortecer a chegada de gran foráneo? “España e Galicia son deficitarias en produción de materia prima para alimentación animal” insiste Beade. “A nós gustarianos ter unha produción propia mais a extensión das nosas fincas, minifundio, a orografía e outros factores non nos permiten ser autosuficientes”. As leiras, predios e mesmo as concentracións parcelarias non poden competir coas extensas chairas onde se cultiva soia, trigo ou millo como as de Arxentina, por exemplo.

Doutra banda, a produción de gran en Galicia si se podería destinar a sistemas de produción como son “os sistemas baseados na forraxe, no silo e agricultura tradicional” apunta González. Eses sistemas en tal caso, terían que ser compatibles coa produción intensiva. “Non podemos aspirar a producir o 100% do alimento para animais, si podemos valorar a produción tradicional e sobre todo, hai que controlar o sistema de prezos”. Porque, iso si, a flutuación dos mercados resulta perturbadora para o agricultor. “Necesitamos un Observatorio dos Prezos xa, e Medio Rural ten ese compromiso”.

O mercado dos cereais tamén depende da especulación. A produción de carne, intensiva ou non, ten sobre ela esa sombra. Por outra parte, se Galicia non pode ser autosuficiente en canto produción de cereal nin España e nin siquera a UE no seu conxunto, proba que un espazo habitado por case 500 millóns de persoas ten unha grande dependencia dos acontecementos en países que están moi lonxe. E eses acontecementos poden romper a cadea de subministración alimentaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta