Por gcdeportes | Compostela | 05/03/2015 | Actualizada ás 12:22
Tralos seus inicios en Lezama e o paso por Eibar e Elx, chegou a Compostela en 1991 e ficou para sempre. No mellor Compos da historia, aquel que estivo catro tempadas consecutivas en Primeira, era indiscutíbel no centro da defensa. Cando no 2001, a Esedé baixou a 2ªB, retirouse con 34 anos. Javier Bellido (Bilbao, 9 de marzo de 1966) regresa agora ao Compos para ser o director da canteira compostelá.
Con Bellido, a SD Compostela tentará dar un pulo definitivo ao proxecto do fútbol base, que a directiva presidida por Antonio Quinteiro insiste unha e outra vez en que é un obxectivo principal do club. Non será unha tarefa nova para o bilbotarra, afeito a traballar cos máis novos, pois foi responsábel da canteira do Atlético Fátima antes de este converterse no Cidade de Santiago.
Bellido, sempre co espello de Lezama e do Athletic onde se criou, pretende que os rapaces de Compostela e bisbarra sintan as cores do club e aspiren a xogar no primeiro equipo. “O Compos ten unha historia detrás, é un club emblema da cidade e merece unhas categorías inferiores máis competitivas das que ten agora. Hai que conseguir que os xogadores de Santiago e bisbarra, os que máis preto teñen o club, podan medrar a carón do primeiro plantel, e ver a posiblidade de saír a competir en San Lázaro tras formarse na base”.
O presidente Antonio Quinteiro lembrou o pasado de Bellido na entidade e recoñeceu as carencias do club. "Trátase dunha persoa que viviu os mellores anos desta casa e sempre levou o Compos no seu corazón. Demos pequenos pasos no fútbol base, pero coa súa chegada agardamos culminar o proxecto".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.