Lores: "O que di Caballero de até vintecinco anos máis é unha boutade.. A miña nova etapa é de oito a dez anos"

Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga) é alcalde de Pontevedra desde 1999. Hai quen apunta á lonxevidade da súa presenza no Concello como algo contraditorio vindo da formación política en que milita, BNG. A proposta que el lanza é: "estamos nunha nova etapa que pode chegar aos 10 anos para completar o proxecto de cidade". Perdeu parte da súa confianza na Xustiza cando o Tribunal Supremo avalou a presenza de Ence na ría, algo que realmente lle doeu. Di sentirse con moitas forzas para continuar e converter Pontevedra nunha referencia mundial. Cre que hai forzas cun grande interese en desfacer o feito en vinte e catro anos.

Por Moncho Mariño | Pontevedra | 22/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Cal é a diferenza entre esta campaña electoral e outras pasadas?

Miguel Anxo Fernández Lores
Miguel Anxo Fernández Lores | Fonte: Ángeles Pereira

A diferenza está en que temos unha experiencia de 24 anos de goberno municipal do que estamos moi orgullosos do traballo feito tanto nos barrios, no rural e outras partes da cidade. Isto vai servir de punto de partida para unha nova etapa pois xa o dixen, eu penso que a partir deste momento é unha nova etapa porque o feito, feito está e vai servir de base para o futuro. Mais pensamos en novos retos, novas propostas e novas ilusións porque quedan moitas cousas por facer. Hai moito feito mais aínda non chegamos ao 100% dos veciños vivan onde vivan. Hai un cambio substancioso na calidade de vida, de servizos. A nivel rural temos equipamentos deportivos e culturais, servizo de saneamento que praticamene está ao 100% dos veciños do rural, servizos de auga que cobre a un 80%. Dentro da mesma cidade hai barrios ou rúas onde aínda non se actuou porque é imposible actuar por cuestións económicas e de xestión administrativa e de proxectos. Por exemplo, este ano actuamos no barrio do Castañal que está na saída cara Ourense, na avenida de Lugo e no centro urbano aínda temos rúas onde temos que tocar todos os servizos porque ao mellor non se tocaron hai 40 ou 50 anos. Hai moito por facer para deixar unha calidade urbana do século XXI e despois hai outros temas tamén importantes, como é o saneamento e recuperación da ría, o traslado de Ence, da creación do Museo Nacional de Galicia, da construción do séptimo edificio do museo en Santa Clara e tamé seguir traballando na recuperación do medio ambiente e no monte, porque temos dous parques forestais onde debemos seguir actuando. Hai un traballo moi ben feito no ciclo da auga, porque temos unha perdas insignificantes porque cumpren todos os parámetros da Axenda 2030. Noutros temas como a recollida de residuos sólidos urbáns temos avanzado moito en compostaxe. Agora estamos cun novo contrato diferente, houbo modificacións na lei de contratos, na lei vixente e aínda así son moitas as cousas por facer. En eventos e instalacións deportivas, por tanto o traballo existente dá para oito ou dez anos pois as cousas van máis lentas do que quixeramos.

-Hai diferenzas entre Miguel Anxo Fernández Lores de 1999 con respecto a 2023?
Si, que son pai de familia con catro netas, teño unha experiencia acumulada en xestión municipal que me permite responder ás demandas dos cidadás con máis capacidade e axilidade e esa é a única diferenza. O modelo que implementamos en 1999 foi de construir unha cidade pensada para as persoas de recuperar o espazo público, de loitar pola autonomía das persoas no espazo público, mellorar a calidade urbana, de loitar contra o cambio climático, de recuperar o río e a ría, son as mesmas que levamos executando. En 1999 aumentamos o espazo público e reducimos o tráfico dunha maneira drástica, só os tráficos necesarios para que a cidade funcione, mais aínda hai tráficos que non son de recibo para a calidade das vías urbanas. Hai tempo falaban que as rúas debían ter 2.000 ou 3.000 vehículos diarios, creo que xa é moitísimo menos e había certos tráficos de paso que estaban sen cortar e que se cortaron e teremos que cortar algún máis.

Hai moito por facer para deixar unha calidade urbana do século XXI e despois hai outros temas tamén importantes, como é o saneamento e recuperación da ría

-Eu referíame na pregunta anterior ás diferenzas en vostede como persoa e alcalde.
Pensei que se refería aos comentarios como “o Lores de 1999 non é o mesmo que o de agora non ten as cousas claras”. Pois respondendo á cuestión, direille que como persoa madurei, estou ben desde o punto de vista físico, familiar e persoal, por suposto que desde o punto de vista político estou máis maduro, con máis capacidade de xestión e máis profundidade no coñecemento do concello. Se estivese traballando agora de médico estaría traballando de médico e se me dan até os 75 estaría até os 75 porque son unha persoa moi activa, que me gusta aportar cousas á sociedade. A min paréceme un estrago que alguén nun bo estado físico e anímico non estea aportando cousas, cada un na súa opción. A esperanza de vida é superior, vivimos máis anos e facer algo que che gusta é unha marabilla sempre que haxa saúde.

-Xa falou de actuacións realizadas e as que quedan por realizar, mais hai puntos e accións irrenunciables agora mesmo para vostede?
Irrenunciable é loitar pola equidade, o trato igual para todos os cidadáns vivan onde vivan, un tema que me parece fundamental vivan onde vivan. Debemos loitar por ese trato equitativo. Tamén mellorar a administración municipal, buscar a mellora do medio cousa que leva a facer fronte ao quecemento global e facelo porque debemos deixar un planeta mellor para os nosos fillos e netos. Por tanto, recuperar a ría, os ríos, a memoria histórica para saber onde partimos, defensa da lingua e cultura galegas e tamé estar ao día das melloras tecnolóxicas. Iso debemos facelo día a día. Iso para min é irrenunciable e máis cousas.

-Que sentiu vostede como alcalde e como persoa cando o Tribunal Supremo avalou a prórroga de Ence?
Sentín unha perda de confianza nunha parte da xudicatura. Con todos os xuristas que falo, e falo con moitos, non é entendible que a Audiencia Nacional por unanimidade diga que a prórroga era ilegal e que no Tribunal Supremo, de catro xuristas tres digan que é ilegal e un siga insistindo que é ilegal cando todos se rexen pola mesma lei. Considero moi pobres os argumentos do Supremo, obviamente non está argumentado xuridicamente o tema, e logo ofrecen argumentos como “que a lei de costas é moi complicada e hai interpretacións diferentes”, isto non é serio. Despois hai unha lista de argumentos posteriores como a chamada de atención da CE sobre a Directiva de Servizos ao Goberno do estado por dar concesións e incumprir a lexislación vixente, pois iso é un argumento a favor da nosa posición e nós non deixaremos nunca de seguir insistindo. Daquela eu xa dicía “poderoso caballero es don Dinero” e aquí temos sentenzas “ad hoc” e as grandes empresas e o grande capital seguen tendo dereito de pernada. Tampouco hai igualdade para os empresarios, pois a ninguén lle dan terreos gratuitamente nin con auga gratis como a certas empresas. Esta sentenza parece unha burla directamente.

Desde o punto de vista político estou máis maduro, con máis capacidade de xestión e máis profundidade no coñecemento do concello

-Que sentía vostede cando había tensión, e ás veces enfrontamentos, entre os seus veciños por posicións moi encontradas sobre a celulosa?
Creo que hai un erro desde o comezo, ninguén está contra a actividade económica, mais esa actividade económica e empresarial debe ser regrada, debe ser igual para todos. En todo o Estado debe haber nove ou dez celulosas e hai oito delas competindo no mercado libre coa súa pasta de papel sen ter beneficios previos de ningún tipo e sen estar invadindo terreo público marítimo-terrestre, por tanto, creo que quen defende a celulosa debera defender o dereito de todos a ter as mesmas oportunidades. Por tanto, sexan traballadores ou non, deben esixirlle á empresa facer aquilo que debe facer para continuar coa produción de maneira legal, esa é a posición. Mais se a postura é “quero producir aquí pois éme rendible e para iso compro vontades, teño xente no concello de administración ou compro furgonetas para as ONGs”, iso non é serio. As empresas deben pagar os seus impostos, deben cumprir coa lexislación ambiental e a de ordenación do territorio. A partir de aí, que produzan e benvidas sexan. Mais o outro é dereito de pernada directamente.

-É a súa espiña persoal?
Si, en fin, teño as competencias que teño. Cando ves que a Xunta fai unhas directrices de ordenación do territorio e di que se debe recuperar o terreo marítimo-terrestre, en principio crela, e cando fan as directrices do litoral e di que Celulosas debe deixar o lugar pois incumpre a Lei de Costas e temos que recuperar espazos. Moita xente non recorda que se puxese unha fábrica ao pé do mar, quitáronlle espazo ao mar para colocar a fábrica. As ideas de vangarda que se están ofrecendo van de recuperar o medio e das invasións do terreo público, especialmente o espazo marítimo-terrestre. O que vemos é “a lexislación está ben mais logo saltamos a lexislación” e iso xa cansa.

-Xa explicou que o se proxecto de cidade comezou no 1999 e que agora comeza unha nova etapa. A pregunta é simple, cal sería o punto culminante da súa carreira política no Concello de Pontevedra?
Xa dixen que estamos a iniciar unha nova etapa de, polo menos, dez anos. Tamén dependerá da situación. Unha frase como a do alcalde de Vigo “até vintecinco anos máis” é unha voutade como outra calquera. Aínda así, insisto, o meu proxecto é planificar esta nova etapa de oito a dez anos, porque realmente as cousas e os proxectos transformadores especialmente, non se fan da noite para a mañá, hai que planificarbuscar o finanzamento e logo executalos, por tanto levan o seu tempo e a min non me gusta traballar a curto prazo, son proxectos que nunca saen ben. Eu espero cumprir a miña palabra porque me sinto ben en todos os sentidos, por iso espero que o proxecto sexa executable o máximo posible.

Debe haber nove ou dez celulosas e hai oito delas competindo no mercado libre coa súa pasta de papel sen ter beneficios previos de ningún tipo e sen estar invadindo terreo público marítimo-terrestre

-A pesar dos recoñecementos internacionais ao modelo de cidade en Pontevedra, cre que pode haber alguén interesado en desfacer todo o feito chegando á alcaldía?
Pois cada vez estou máis convencido que si. Como se entende que nesta campaña se digan cousas como que Pontevedra está pechada e debe abrirse? Iso significa abrila aos coches cando a cidade funciona perfectamente como está. Ademais, as directivas europeas e as leis de zonas para baixas emisións necesitan unha calidade do aire determinada, que os vehículos teñan etiqueta ecolóxica ou cobrar por entrar. Temos unha  política diferente, recudir os tráficos ao mínimo necesario para que a cidade funcione. Non lle imos  pedir a ninguén que cobre ou non cobre ou teña que cambiar de coche. A estes señores que falan de abrir Raíña Vitoria, que falan dunha cidade pechada e da falta de actividade económica eu diríalles que apostamos por unha cidade compacta, con alta calidade de vida, apostamos polo comercio local, apostamos por reducir os tráficos innecesarios e permitir toda a actividade económica arredor da motorización imprescindible. Pero esta xente din: “a zona monumental non é accesible”, falan de meter transporte público pola Michelena e así son todos os argumentos, e se digo todos, son todos pois as demais forzas políticas van nesa liña. Eu creo que é un erro cando Pontevedra é unha referencia mundial en medioambiente, cando Pontevedra é a cidade con máis xente nova de toda Galicia, cando Pontevedra creceu durante os últimos anos 11.000 habitantes, unha porcentaxe moi alta, especialmente no centro e cando temos unha actividade económica bestial, pois estamos falando de xeración de emprego dentro do Concello nunha porcentaxe elevada en comparación coa xente que vive aquí, un 60%, dentro das cidades de Pontevedra e da provincia, pois será que Pontevedra, dalgunha maneira vai ben, non? Por tanto, debemos afondar nese modelo que construímos entre todos. Mais tamén hai xente que volve cara atrás.

-Sucesos como o incendio de Pontesa considera que foi utilizado por algunhas forzas políticas contra vostede?
Non, mais si creo na falta de seriedade dalgunhas empresas que estaban facendo almacenamentos de produtos inflamables nunha nave sen estar construída para eses usos, sen medidas de protección e sen medidas contraincendios, cousa que é unha falta de seriedade, non? O que fixo o Concello foi abrir un expediente diante da Xunta que é a responsable desas cuestións. Por tanto, fixemos o que tiñamos que facer, o preocupante para min é botar tanto tempo descontaminando ese lugar e empresas que pasaban por ser serias e rigorosas estivesen nesas condicións.

-Retomando a idea do Museo Nacional de Galicia, cales son os grandes obxectivos deste museo e, por outra parte, chamáronlle a atención sobre “xa existe un Museo do Pobo Galego, a que vén traer agora outro”?
Non, o Museo do Pobo Galego é un lugar onde existen uns determinados fondos. Mais eu falo dun espazo grande, con fondos de arquitectura, pintura, patrimonio histórico e escrito de toda Galicia. Por outra parte, cando se recuperen todos os edificios centrais do museo e se constrúa ese sétimo edificio, estaremos á mesma altura en superficie, en fondos e dixitalización dos cinco museos máis importantes do Estado. Aquí hai fondos de todo o país, hai 2.000 documentos de Castelao, hai un museo con achádegos de todos os castros de toda a provincia de Pontevedra, por tanto, na práctica xa o é. Mais cando poidamos incrementar a superficie para expor todos os fondos tamén vai estar a esa altura. Como dicía Ana Pontón, cada cidade debe especializarse nas súas cousas. Aquí estamos por especializarnos na cultura, na creatividade, no deporte, mais como museo provincial é o máis importante do estado. A nosa obriga é potencialo e presentalo en todo o país e en todo o Estado.

Como se entende que nesta campaña se digan cousas como que Pontevedra está pechada e debe abrirse? Iso significa abrila aos coches cando a cidade funciona perfectamente como está

-Como abordará a cuestión da vivenda pensando sobre todo pensando na xente máis nova e en persoas en risco de exclusión por quedar sen fogar?
As competencias de vivenda non é municipal, é competencia autonómica coa consellería correspondente que ten os fondos e a responsabilidade de garantir unha vivenda digna por competencias cedidas do Estado. Nós o que debemos facer é procurar chan suficiente para que os prezos non se disparen, xa o fixemos durante estes últimos vinte anos. Pontevedra, Lugo, Badajoz e Ferrol foi das cidades cos prezos máis baratos de media para a vivenda. Quixemos poñer o chan suficiente para que non se disparen os perzos. Obviamente, temos prezos máis baratos que noutras cidades mentres subiron noutras cidades, e sobre a vivenda social, nós poñemos terreos para a Xunta e que faga vivendas sociais, algo da súa competencia. Agora penso que se construirán 70 máis, tivemos en Monteporreiro, en Valdecorvos e seguiremos poñendo a disposición da Xunta vivendas para venda, aluguer ou persoas máis necesitadas. Mais iso é unha competencia dos servizos sociais, nós temos uns servizos sociais de base mais entendemos que sempre se poden facer máis esforzos, aínda así, o maior peso das políticas sociais é da Xunta de Galicia.

-Pensaron nunha posible creación de área metropolitana de Pontevedra?
Nós non temos pensado ningunha área metropolitana, pois en todo caso tería que ser unha área urbana con Vigo. Resumindo, temos administración europea, estatal, autonómica, provincial e local, cinco administracións e nós estamos a favor de reducir o número de administracións. E introducir unha área metropolitana, é dicir, outra administración sen competencias e sen orzamento, comprenderán que non serve para nada. Por outra parte, crear unha área metropolitana con cesión dos mesmos concellos e sen lexislación ao respecto, iso sería falar de entelequias. Nós seriamos partidarios de darse o caso, da desaparición das deputacións e transferir competencias aos concellos e, en todo caso, chegar a mancomunidades para desenvolver servizos que teñan relación coas infraestruturas, ao mellor con servizos básicos como saneamento ou abastecemento. Mais de áreas metropolitanas cremos que é un bluff, porque estariamos por simplificar as admnistracións e definir as competencias que ten cada administración, cada administración ten que facer o seu traballo. Por exemplo, se a Xunta ten competencias en educación, incluída a primaria e gardarías, esas son as súas competencias pois non podemos depender da sensibilidade dun alcalde sobre o ensino. As competencias deben ser moi claras, deben estar ben financiadas e cada administración debe ser responsable da súa execución. Esas competencias non definidas crean conflitos e non resolven os problemas dos veciños e veciñas, que é o fundamental.

O museo provincial é o máis importante do estado. A nosa obriga é potencialo e presentalo en todo o país e en todo o Estado

-De recuncar, cal sería a súa primeira decisión nada máis tomar posesión do cargo?
Máis que decisión diría primeira preocupación. E a primeira preocupación que temos agora está en sacar adiante as series mundiais de Triatlón, que é o evento deportivo que se celebrará en 2023 en toda Galicia e probablemente en todo o estado e teremos 4.000 deportistas de todo o mundo, iso permitirá a Pontevedra e ás Rías Baixas ser un grande escaparate con dez ou doce mil persoas estar aquí máis dunha semana competindo e coñecendo Galicia. Por tanto, iso a min é algo que me preocupa porque é querer dar unha boa imaxe para facer máis coñecida Pontevedra de cara o futuro. En segundo lugar quero sacar adiante un proxecto que é o parque da Parda. Son 30.000 metros cadrados detrás da estación de autobuses, nun barrio de crecemento altísimo na cidade e que precisa unha zona de esparcemento. Nese lugar queremos construír esa urbanización para instalar aí o segundo gran pavillón deportivo da Parda, un investimento que teimamos en facer, é necesario e moi custoso e será un lugar para deportes de pavillón, de ximnasia e de escalada. Necesitamos ter esas instalacións para sermos a cidade galega do deporte, onde se celebran vinte ou trinta campionatos deportivos en diferentes categorías e que traen persoas de todas as partes do mundo desestacionalizando o turismo. Ese é o tipo de proxecto que quero facer independentemente doutros que están xa en marcha.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Gamela

Se aínda lle quedan 10 anos para completar o programa (quere dicir que con 35 anos non se acaban de realizar os soños) Será porque lle regalou 8 anos a Carmela Silva para que desvíe tódolos millóns ao Concello de Vigo ? Será que sen o pacto infame co PSOE Lores xa non tería que seguir soñando ? Será que grazas ao seu pacto Vigo está a sofrir as consecuencias da Tiranía de Abel + Carmela + Regades ? Será que xa estamos fartos de ver sempre ás mesmas caras e de aturar sempre as mesmas desculpas de mal pagador ?

2 Sentidiño

《-¡Ni tutelas, ni tutías!》

1 Skater

Estou totalmente de acordo con todo o que di pero respecto o deporte Pontevedra precisa unhas instalacions de skate dignas e acordes a cidade. Unhas instalacions que se levan atrasando anos e que no seu día incluso deu paso a pagar unha indemnizacion a unha empresa por cancelar o proxecto. Un proxecto que era punteiro no seu día e que sería ainda hoxe en día un punto de referencia