Roland Bartetzko, unha vida entre guerras: de combater nos Balcáns a contribuír o esforzo bélico en Ucraína

A primeira vez que pisou unha zona de conflito foi no sitio de Mostar, en Bosnia, tiña 22 anos e era un soldado do exército de Alemaña. Roland loitou cos croatas primeiro e cos albanokosovares despois, viu cos seus propios ollos como acababan dúas guerras europeas e agora consegue axuda para os soldados que combaten contra Rusia. Crónica de Miriam González, reporteira galega que se atopa nestes momentos no punto máis quente do planeta.

Por Miriam González | Kiiv | 26/05/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Na guerra todo se resume en xogar ca morte dun mesmo” sentencia Roland Bartetzko nun perfecto inglés que non esconde o seu acento alemán. El coñece ben todas as sensacións que se senten no combate. El viviuno na súa propia pel cando foi ós Balcáns mentres todos o que podían fuxían de alí. A tarde en Kiív está soleada e o clima primaveral é agradable. Desde a terraciña dun restaurante con nome francés que permite albiscar a emblemática Praza da Independencia (Maidan Nezalezhnosti), Roland reconta os meses que leva en Ucraína. O 26 de febreiro de 2022 cruzou a fronteira polaca e grazas aos contactos que tiña no exército ucraíno comezou a buscar axuda para os soldados -cascos, chalecos antibalas, medicina táctica...- e tamén para os civís. A invasión a gran escala de Ucraína xa cumpriu o seu funesto primeiro aniversario, pero para este ex combatente alemán aínda resulta “relativamente sinxelo” conseguir material para as Forzas Armadas deste país.

Roland Bartetzko posa para o Galicia Confidencia na Praza da Independencia de Kiív
Roland Bartetzko posa para o Galicia Confidencia na Praza da Independencia de Kiív | Fonte: Miriam González

Ten  unha lexión de máis de 100.000 seguidores na rede social Quora, onde responde a todas as preguntas sobre a guerra en Ucraína, a realidade do país e as súas propias vivencias. Nesta plataforma tamén consigue recadar os fondos necesarios para comprar todos os aparellos -algúns deles moi específicos- que se precisan na fronte. Fala directamente cos soldados para evitar pasar por todos os niveis de persoal do exército, e sempre pide que se lle envíen fotografías desde o terreo co material que se envía. No seu teléfono móbil acumula vídeos de militares que lle agradecen a súa axuda. Bartetzko foi creando unha extensa rede de persoas que queren colaborar con Ucraína. As demandas non paran de crecer, confesa, e el só se encargase de xestionar todo isto: “Non hai papeis e non quixen crear una ONG porque eu sempre mostro con probas onde vai para o diñeiro dos donante, nunha gran organización non pasa iso”. 

A tranquilidade finxida de Kiív é asaltada algunhas noites polo traballo da defensa antiaérea cando Moscova tenta bombardear a urbe. A guerra de alta intensidade continúa no leste e no sur mentres se ultiman os preparativos da ansiada contraofensiva ucraína. Tras máis de 9 meses de cruenta disputa, os mercenarios da Empresa Militar Privada rusa “Wagner” deron por tomada cidade de Bakhmut. Unha vitoria pírrica para moitos, que se viu escurecida na esfera dos medios tras as incursións de grupos de voluntarios rusos -como a Lexión Liberdade que loitan cas Forzas Armadas de Ucraína- no óblast de Bélgorod, territorio da Federación Rusa. Un golpe de efecto de cara a opinión pública que fixo esquecer a imaxe dunha bandeira rusa ondeando sobre toneladas de cascasllos nun lugar arrasado onde hai ano vivían máis de 70.000 almas. 

“Cada conflito é diferente e ten o seu carácter propio, esta é unha guerra de tácticas vellas onde non hai moito aprecio polas fontes materiais e humanas”, apunta Roland. O propio secretario xeral da OTAN, Jens Stolttenberg, recoñeceu que Ucraína está queimando munición a un ritmo maior do que os estados da Alianza Atlántica poden producir. Con todo, hai tamén innovacións nesta guerra e o papel dos drones, por exemplo, terá que ser analizado unha vez rematada a contenda subliña o ex militar alemán. “Os drones son boas ferramentas de recoñecemento, pero polo de agora este aparellos non manteñen posicións, e nesta contenda loitase polos quilómetros de terra”. 

O fin da guerra non se avista cerca e unha solución diplomática preséntase coma unha quimera. Os aliados de Ucraína mantéñense firmes no seu apoio a Kíiv como demostra o anuncio que fixo Washington sobre a súa disposición a entregar avións de combate -incluídos os F-16 de fabricación estadounidense-  e formar os pilotos ucraínos. A noticia non sentou nada ben en Moscova. O viceministro de Exteriores Alexander Grushko declarou que esta decisión “implica riscos colosais” para Occidente.

Roland Barterzko cando era combatente do Exército de Liberación de Kosovo
Roland Barterzko cando era combatente do Exército de Liberación de Kosovo | Fonte: Foto cedida

Libros para os guerreiros feridos 

Roland visita a cada pouco os solados nos hospitais e fala con eles de ti a ti xa que el foi ferido varias veces nas guerras dos Balcáns. A dimensión da experiencia bélica nun ser humano é tan profunda que un libro é unha axuda importante nos tempos mortos da recuperación. “Hai uns días entreguei máis de 400 exemplares en lingua ucraína os soldados que están recuperándose. Leen moito, son amantes dos libros. Ucraína, en xeral, ama os libros”, explica Bartetzko. 

A maioría destes militares están feridos por artillería “case o 80%” deles. Moitos dos que están de baixa queren volver a fronte, pero nalgún casos as lesións son demasiado graves e necesitan moito tempo para sanar. Outros simplemente non teñen esta posibilidade, “non podes volver a liña de combate se non tes pernas” indica Roland. 

Os médicos, as enfermeiras e os voluntarios sanitarios tamén están na súa propia lide para salvar o maior número de vidas posible. Pero ningún país pode estar preparado, incluso despois dun ano, para o nivel de brutalidade desta guerra. “Os doutores están moi atarefados e non dispoñen de todo o que tempo que quixeran para poder tratar a todos como correspondería. Especialmente as persoas con amputacións”.

Pasaron 15 meses dende o inicio da invasión e coñecer o número de baixas en calquera dos dous bandos é un imposible. Hai moitas especulacións e aproximacións bastante realistas pero polo de agora, nada tanxible. Os ucraínos resisten, para eles non hai outras opcións.

- Como está a moral dos militares despois de tanto tempo?

- É unha pregunta importante, pero non podo dar demasiados datos isto. Falo moito con soldados que estiveron en Bakhmut, con voluntarios xeorxianos que levan loitando dende o principio. O que podo dicir que a moral é o suficientemente boa.

Contenda virtual

A guerra e as súas consecuencias percíbense de maneira diferente desde dentro. E este conflito fixo que, sobre todo no seu inicio, Ucraína fose o centro de gran parte do mundo espertando todo tipo de sentimentos favorable es tamén en contra. A atención dos principais medios de comunicación mantense e os xornalistas internacionais van e veñen. 

Roland Bartetzko está a documentar a guerra e a realiza labores xornalísticas. Non considera que os medios chegasen a romantizar o conflito, pero si moitos usuarios do Twitter cun gran número de seguidores. Con todo, a guerra non é unha broma e só se sinte de verdade cando está cerca dela, di Rolan. “A maioría das persoas detrás destas contas de Twitter están na comodidade das súas casas dicindo `segundo as miñas fontes está a pasar isto ou isto...´.Eu mesmo tiven problemas con algúns destes NAFOs [un fenómeno das redes sociais que trata de contrarrestar á propaganda rusa e publicar memes a favor de Ucraína que son o meu pesadelo, son uns idiotas”. Roland afirma que cando lle comentou esta anécdota os militares ucraínos, estes pregúntanlle: Qué é NAFO? “Esta é importancia real que teñen”, afirma.

As novas tecnoloxías da comunicación permiten acceder case en directo e durante as 24 horas a moitos dos acontecementos que teñen lugar aquí. Esta é unha guerra que tamén se disputa en internet. Todas as partes son conscientes diso e nos países occidentais Ucraína vai gañando a partida. Nun artigo do analista Todd C. Helmus da RAND Coporation publicado no portal estadounidense War on the Rocks, destácase que este éxito ten que ver, entre outros factores, cun fenómenos que denomina “influencers ucraínos”: “As leccións de Ucraína van máis alá e falan do enorme poder dunha campaña de mensaxes distribuídos que depende de que os cidadáns e soldados ucraínos publiquen contido pro-ucraíno directamente nas súas redes socias. Esta táctica non é nova (...) pero podería ser emulada polo exército dos EUA”.

“Welcome to Hell”

Os verdadeiros soldados son os que combaten di rotundamente Bartetzko. A principios dos anos 90 e con aquel pensamento na mente decidiu deixar a súa Alemaña natal para ir en busca da guerra. Un ano despois de que iniciase a desintegración da ex Iugoslavia, en 1992, Roland atravesaba as estradas croatas sendo o único pasaxeiro dun autobús que o levaba ó inferno. Antes de baixarse do vehículo viu o emblemático graffiti que pintaron nunha parede da cidade bosnia de Mostar e que rezaba “Welcome to Hell” . Naqueles primeiros instantes de contacto con este lugar tamén comprobou a través da súa fiestra que as sepulturas do cemiterio local aínda estaban frescas. 

“A liña de fronte en Mostar estaba no medio da cidade” relata no seu libro “The Smell of War”; unha compilación das súas experiencias coma combatente e de ensinanzas sobre a loita. Roland pelexou do lado croata en Bosnia. Os libros tamén o acompañaron na guerra e declarase fanático de Henry Miller e dos seus “Trópico de Cáncer” e “Trópico de Capricornio”.

Coma moitos dos voluntarios que hoxe chegan a Ucraína e se alistan na Lexión Internacional, el tamén pelexou nunha guerra estranxeira. Pero destaca as diferencias ente aquel tempo e agora: “Hoxe hai internet e máis información. Ademais os países occidentais están de acordo con que os seus cidadáns loiten aquí. Na miña época non era así. Daquelas eu escoitei que algúns compatriotas estaba loitando nos Balcáns e fun. Non era fácil, moitas unidades non aceptaban forasteiros, por iso os voluntarios estranxeiros alí eran mellores, porque so os mellores conseguían un lugar”. Bartetzko pensa que tivo sorte xa que el integrouse rápido nunha unidade e puido combater. Non pagaban moito, admite, pero si sentía o inmenso respecto dos croatas cando se decataban de que estaba combatendo por eles. “En Ucraína non existe esta vinculación entre os combatentes estranxeiros e a xente local”, destaca o ex militar. Dentro do exército ucraíno tamén hai veteranos da guerra de Croacia “son profesionais, saben o que fan e por iso son respectados”. 

Non lle interesaban moito as cuestións políticas porque tiña que claro que “o malos eran os serbios”. Para Roland o comportamento das tropas rusas e dos soldados serbios é case idéntico, tamén na súa “pouca efectividade” á hora de loitar, sinala. Bartetezko non recorda aquela época de forma dramática, era novo e quería vivir experiencias intensas: “hai xente que ten alma aventureira e precisa diso. Fixen o que quixen, estiven cerca da morte, fun ferido pero por sorte aquí sigo. Moita xente remata a súa vida e non fixo o que quixo, eu estou satisfeito e tranquilo”.

A finais da década dos noventa aínda había convulsións nos Balcáns e Roland Bartetzko uniuse ao Exército de Liberación de Kosovo (KLA). “Foi unha experiencia desafiante” relata o ex combatente alemán. Era unha guerra de guerrillas: “Eu prefiro este tipo de conflitos, foi a aventura perfecta”. No ano 2001 Roland foi condenado por terrorismo tras un atentado con coche bomba en Pristina que lle custou a vida a un funcionario serbio. “O principio foi bastante duro estar no cárcere. Xunto a min había tamén albaneses do KLA que estaban acusados de crimes de guerra. Aquela prisión estaba controlada por serbios creo que esperaban que nos mataran”. Durante o tempo en cadea Roland estudou dereito, en 2015 obtivo a liberdade e asentouse en Kosovo.

Roland Bartezko na guerra de Bosnia
Roland Bartezko na guerra de Bosnia | Fonte: Foto cedida
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta