A herdanza de Cacharro

Mais alá das habituais honras fúnebres, hai unha coincidencia básica sobre Cacharro Pardo: o nivel de poder acumulado durante 25 anos na provincia de Lugo é o maior que se pode constatar no postfranquismo.

Por Xesús Veiga | Compostela | 16/03/2015

Comparte esta noticia
Existen sucesos e testemuñas concretas que acreditan o control absoluto que exercía sobre o seu partido e, polo tanto, sobre as institucións que ocupaban os seus subordinados. Nin o propio Fraga foi quen de modificar o statu quo cacharrista. Eran os termos contractuais típicos dunha relación clientelar: o ex–presidente da Deputación aseguraba a continuidade da hexemonía electoral do PP na circunscrición lucense a cambio dun virreinato territorial non sometido a interferencias alleas. 
 
Quen non aceitaba a lóxica de Cacharro pagaba unha forte peaxe.Se os votantes da segunda vila da provincia –Monforte de Lemos- teimaban no apoio a un alcalde –Celestino Torres- que non figuraba na nómina do patrón, ficaban sen os recursos precisos para infraestruturas e dotacións que recibían os concellos submisos.Se o alcalde da capital –Joaquín García Díez- movía os marcos implícitos marcados polo padriño, non saía na foto dos seguintes comicios aínda que iso propiciara a chegada de López Orozco á presidencia da Corporación local.
 
A lembranza do poder absoluto de Cacharro Pardo suscita unha pregunta relevante:cal foi o balanzo do seu mandato medido en termos de progreso económico e de benestar social da provincia de Lugo?Onde están os cambios estruturais que permitan mirar con certa esperanza o futuro do tecido social dese territorio?A cuestión demográfica estivo algunha vez na axenda política da máquina de recadadores de votos creada por Cacharro?.
 
As mesmas preguntas podían ser formuladas mudando o escenario e os protagonistas:Ourense e a familia Baltar.As respostas serían moi parecidas.
 
Núñez Feijoo presume do que carece.Cando chegou á presidencia da Xunta, a herdanza cacharrista presentaba importantes vías de auga e non tivo que aturar os desplantes que coñeceu Fraga nas décadas anteriores.Con Baltar podía demostrar a verosimilitude  da súa presunta lóxica “moderna” na gobernanza do partido e das institucións.Se algunha vez existiu tal pretensión o fracaso é indscutíbel.Hoxe por hoxe non foi quen de modificar  o troco tradicional: votos para a sigla a cambio de manter a continuidade do virreinato provincial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xesús  Veiga Buxán Licenciado en CC.EE. pola Universidade de Bilbao. Profesor –dende o ano 1974- no Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da Facultade de CC.EE. da USC. Dirixente do MCG. Posteriormente, foi dirixente de Inzar.Foi deputado polo BNG no Parlamento galego dende 1993 ao 2005. Dende Setembro do ano 2005 ate o mes de Abril do ano 2009 foi asesor para asuntos económicos no Gabinete da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.