Por E.P. | Santiago de Compostela | 31/05/2023 | Actualizada ás 14:22
Multa, devolución de intereses e traballos en beneficio da comunidade, ademais de inhabilitación para exercer o seu posto. Esta foi a pena que acatou un funcionario de Facenda que cobrou créditos e devolucións da renda empregando unha identidade falsa que creou aproveitando que exercía como técnico informático na delegación de Santiago.
A sección sexta da Audiencia Provincial, con sede en Santiago, tiña fixado para este mércores a vista por este caso que, finalmente, non se chegou a celebrar porque as partes chegaron a un acordo de conformidade. Segundo el, o acusado recoñeceu os feitos e aceptou o pago dos intereses pendentes, así como de multa e traballos en beneficio da sociedade para suspender a pena de prisión, ademais de 11 anos de inhabilitación como funcionario. Fiscalía pedía para el inicialmente 13 anos de cárcere.
O condenado recoñeceuse autor dun delito de estafa non agravada, un de falsificación de documento mercantil, branqueo de capitais e cinco delitos de acceso non autorizado a perfil público. No seu beneficio tívose en conta a reparación do dano --devolución do subtraído-- e dilacións indebidas.
NON IRÁ A PRISIÓN
Segundo o acordo, polos delitos de estafa e falsidade foi condenado a un ano e un mes de prisión e multa de 360 euros, mentres que polo delito de branqueo de capitais foi condenado a dous meses e 29 días de prisión --substituídos por traballos á comunidade-- e multa de 5.681 euros.
Por cada un dos delitos de acceso non autorizado foi condenado a 18 meses e 10 días de multa. En total, a inhabilitación para exercer como funcionario público ascende a 11 anos.
Todas as partes estiveron de acordo en suspender as penas de cárcere se o procesado abona os 7.800 euros de intereses e as multas e non delinque en catro anos. Ademais, impuxéronselle outros 190 días de traballos en beneficio da comunidade.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.