CIG denuncia que a figura de coordinador de benestar de Educación "non ten tempo nin remuneración"

A Xunta afirma que o borrador si inclúe un "reforzo" á figura, "implantada desde hai anos" en Galicia.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 08/06/2023 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

A CIG acusou este xoves á Consellería de Educación de querer implantar a figura de coordinador de benestar e convivencia nos centros escolares "sen dotalo de tempo nin remuneración", algo que o sindicato considera "unha burla".

A través dun comunicado, o sindicato asegura que no anteproxecto de orde que Educación remitiu aos integrantes da mesa sectorial de educación, que se celebrará o vindeiro martes 13, esta figura non conta con "ningún tipo de compensación" para o profesorado que se encargue desas funcións, alegan.

A Lei Orgánica de protección integral á infancia e á adolescencia no ámbito educativo establece que en todos os centros nos que cursen estudos persoas menores de idade debe existir unha coordinadora ou coordinador de benestar e protección do alumnado, aínda que a CIG asegura que no actoal curso "asignóuselle esa función a profesorado dos centros sen ningún tipo de compensación horaria".

O sindicato ve "impresentable" que "se pretenda asignar toda unha serie de funcións a un profesor sen contar con tempo suficiente para facelo nin equiparalo coas outras figuras de coordinación, tanto na redución de horario lectivo para desempeñar eses labores como co pago do complemento correspondente".

A Xunta APUNTA QUE REFORZARÁ ESTA FIGURA "XA EXISTENTE"

Pola súa banda, Educación alega que a proposta enviada aos sindicatos inclúe un reforzo desta figura que, apuntan, "está implantada desde hai anos no sistema educativo galego baixo a denominación de dinamizador de convivencia".

Con esta orde, apunta a consellería, ademais do cambio de denominación "introdúcense melloras desde o punto de vista administrativo, como a asignación de dúas horas complementarias fixas de dedicación dentro do horario ou o recoñecemento desta función nos concursos de traslados e de orientación.

Fronte a isto, o sindicato pide que se equiparen as funcións deste coordinador con "as coordinacións recoñecidas oficialmente". Máis en concreto, reclama para esta figura a redución, polo menos, de tres horas lectivas, a "homologación retributiva coa xefatura de departamento" e a extensión a todos os centros --non só os que escolarizan menores--.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura o Congreso de Convivencia e Benestar Emocional.. XUNTA - XOÁN CRESPO
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugura o Congreso de Convivencia e Benestar Emocional.. XUNTA - XOÁN CRESPO

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta