A Audiencia Provincial de Ourense ratifica a absolución de Jácome por empuxar a unha sindicalista

No dereito á última palabra, Pérez Jácome asegurou "arrepentirse" de non ser el quen presentase a denuncia.

Por E.P. | OURENSE | 09/06/2023 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Ourense confirmou a sentenza do Xulgado de Instrución número 2 de Ourense, que absolvía ao rexedor municipal da cidade, Gonzalo Pérez Jácome, dun delito leve de malos tratos de obra; que lle imputaban por empuxar a unha sindicalista nunha manifestación que tivo lugar na porta do concello o 3 de maio de 2022.

O xulgado resolveu a favor do alcalde da terceira cidade de Galicia o pasado 19 de xaneiro, poucos días despois de que se celebrase o xuízo no que defendeu que "lle deu" ao megáfono "para evitar unha agresión acústica", o mesmo que xa manifestara publicamente tras o suceso.

Na sesión oral asegurou que a sindicalista lle puxo o amplificador de voz "a corenta centímetros da cara" e gritoulle "Fala!, momento en que el golpeou o megáfono "para evitar unha perda auditiva".

No dereito á última palabra, Pérez Jácome asegurou "arrepentirse" de non ser el quen presentase a denuncia, reclamando que foi el "quen sufriu a agresión", mentres que as sindicalista afirmou sentirse "degradada como persoa" e trasladou que unicamente se achegou ao alcalde "con boa fe para resolver o conflito", no marco da folga do transporte, "sen querer provocar" ao rexedor.

O maxistrado Leonardo Álvarez sinalaba na sentenza do pasado mes de xaneiro que a reacción do alcalde "quizais sexa un tanto desproporcionada, pero en ningún caso a mesma alcanza a intensidade suficiente como para ser considerada delituosa" e concluía que, ao seu xuízo, a actuación do rexedor foi "unha mera reacción ao feito de que a denunciante empregase o megáfono a escasos centímetros da súa cara".

UN MES DE MULTA SOLICITOU A FISCALÍA

Na vista, tanto a Fiscalía como a acusación particular solicitaron condena. Fiscalía solicitaba un mes de multa a razón de dez euros ao día, mentres que a acusación particular pedía 45 días de multa a razón de 50 euros o día e unha indemnización de 1.500 euros para a denunciante, tendo en conta o soldo do alcalde, que consultado na sala dixo "é de 70.000 euros bruto".

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, durante unha rolda de prensa | Fonte: Agostime

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Mentras Irene Montero deberá pagar 18.000 € por bocazas, resulta que Jácome é a enésima vez que sae absolto e tódolos políticos de Ourense levan 4 anos tentando metelo no trullo ? Non será ese precisamente o motivo dos resultados electorais ! Jácome é un Resistente ! Pero, a ver como o digo, o BNG non quere botar da poltrona a Baltarín ? Eso sí que é unha noticia de interese, non ?