Mozos tutelados ou en risco de exclusión social piden máis recursos para a saúde mental dos adolescentes

Clara, Helena, Lorena, Karma, Maria Isabel, Michell, Ryuu, Valentina e Xiana ponlle cara á campaña 'A nosa saúde mental (tamén) depende de ti'.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/06/2023 | Actualizada ás 19:38

Comparte esta noticia

Unha vintena de mozas de entre 14 e 20 anos pertencentes ao proxecto Tribo, de comunicación participativa levado a cabo por mozos tutelados ou en risco de exclusión social, presentaron en Santiago unha campaña coa que queren chamar a atención sobre a necesidade de ofrecer máis recursos para mellorar a saúde mental dos adolescentes.

Tras máis de seis meses de traballo, Tribo mostrou no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) dous curtos xornalísticos, dous curtos de ficción e unha campaña publicitaria para pedir máis investimento neste ámbito. Clara, Helena, Lorena, Karma, Maria Isabel, Michell, Ryuu, Valentina e Xiana ponlle cara á campaña 'A nosa saúde mental (tamén) depende de ti', coa que queren pedirlle ás familias que "miren máis aló dos defectos dos seus fillos e saiban ver todo o que son capaces de conseguir".

Tamén mandan unha mensaxe aos docentes, aos que lles solicitan "que vexan ao alumnado como seres humanos con problemas", máis aló dos estudos, dos deberes ou doutras cuestións. Ademais, aos profesionais da saúde pídenlles que escoiten "máis aló e con máis amor", que traten con respecto aos mozos e que sexan conscientes de que "a medicación non é sempre a mellor solución". As pezas xa están dispoñibles en Youtube e na web do proxecto. Ao longo das próximas semanas presentaranas en institutos de Santiago e de Ames, onde estudan a maioría dos participantes.

Mozos tutelados ou en risco de exclusión social piden máis recursos para a saúde mental dos adolescentes.. TRIBO
Mozos tutelados ou en risco de exclusión social piden máis recursos para a saúde mental dos adolescentes.. TRIBO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta