A Xunta non atende as necesidades psicolóxicas do alumnado: o benestar dos nenos e nenas a custo cero

A pandemia da COVID deixou no alumnado problemas de convivencia, bullying ou afeccións na saúde mental. O Goberno central decidiu crear a figura do coordinador de benestar e convivencia para facer fronte a esta problemática. A Xunta presentou o rascuño da orde que introducirá os coordinadores de benestar. Os sindicatos denuncian que isto implica que haxa persoal con novas funcións "a custo cero".

Por Moncho Mariño | Santiago | 22/06/2023 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación presentaba na mesa sectorial do pasado 14 de xuño o documento sobre o que se desenvolvería a orde para introducir a figura do “coordinador de benestar e convivencia” nos centros educativos. A nova figura nace para facerlle fronte ao aumento de fenómenos entre o alumnado como son o bullying, falta de xestión emocional,  casos de autolesións e mesmo suicidios de alumnos e alumnas. O borrador presentado desde o departamento que dirixe Román Rodríguez cando menos indignou aos representantes sindicais. A proposta da Consellería era que a actual figura de “coordinador de convivencia” asuma as novas tarefas de “coordinador de benestar e convivencia”. Alén diso, non se mencionaba ningunha remuneración extra para quen exercese esa figura nin se descontaría das horas lectivas o tempo necesario para as tarefas sinaladas. Serían dúas horas máis engadidas ás lectivas exercidas por unha persoa nomeada polo centro educativo (a figura deste coordinador é obrigatoria).

Unha das aulas completamente baleira pertencente a un colexio da Comunidade de Madrid onde permanecerán pechados do 11 de marzo ata -en principio- o próximo 23 de marzo para evitar que os escolares se contaxien de coronavirus, en Madrid (España). Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo
Unha das aulas completamente baleira pertencente a un colexio da Comunidade de Madrid onde permanecerán pechados do 11 de marzo ata -en principio- o próximo 23 de marzo para evitar que os escolares se contaxien de coronavirus, en Madrid (España). Jesús Hellín - Europa Press - Arquivo


“CUSTO CERO”

O “coordinador de benestar e convivencia” é a figura que substitúe e reforza ao “coordinador de convivencia” en centros de ensino. A idea parte do observado dentro dos colexios e institutos unha vez que o alumnado se incorporou ás aulas. Mozos e mozas volveron “máis distraídos”, con problemas de xestión emocional, aumento de bullying a outros compañeiros e compañeiras, autolesións e mesmo casos de suicidio entre adolescentes. Foi cando o Ministerio de Educación decide presentar un plan para a contención do que estaba acontecendo entre o alumnado.

Cada comunidade autónoma, as posuidoras das competencias en educación, deberá aplicar a nova figura ao marco normativo dos respectivos marcos educativos autonómicos. O intento de reducir as problemáticas relacionadas co benestar e a convivencia dentro das aulas implicaría que alguén con formación específica (pode ser un mestre ou un profesor do claustro formado para estas tarefas), isto tamén implicaría o reforzo dos orzamentos en educación por parte dos gobernos autonómicos.

No documento presentado pola Consellería na última Mesa Sectorial a idea é levar adiante esta figura a custo cero, incluíndo este traballo no concepto de titorías que xa cobra a maioría dos profesores” di Julio Díaz de ANPE. Ademais, o tempo para exercer de coordinador de benestar será de “até dúas horas” fóra do horario lectivo sinala Sandra Montero de UGT, quen lembra: “o profesorado traballa con cinco horas complementarias por semana, dentro delas incluiranse as dúas de coordinador de benestar”.

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez. XUNTA

O profesorado que exerce outros labores ademais dos propios da súa área, reciben unha serie de complementos como son os de titorías, área de Normalización Lingüística, etc. “Neste caso non se descontará tempo nin pagará porque (a Consellería) di que isto xa o cobre o complemento de acción titorial” di Suso Bermello da CIG. “Esas dúas horas van ser de carácter obrigatorio e sen recompensa, polo menos debera pagarse un complemento e descontarse tres períodos lectivos”. A situación apunta “a unha sobrecarga de traballo no profesorado”.

“Non hai un orzamento específico para o coordinador de benestar nin remuneración de horas a maiores segundo o documento da Consellería” di José Manuel Fuentes de CC.OO. “Educación escúdase en que en Galicia había un coordinador de convivencia que agora asumirá tamén as tarefas de benestar”. E ditas tarefas son “once funcións amplas que precisan de dotacións e que implican tamén accións internas no centro”.

O “Anteproxecto de orde pola que se establece a figura da persoa coordinadora de benestar e convivencia nos centros docentes de Galicia” sinala nunha disposición final sobre o “complemento específico”. O profesor que exerza a coordinación de benestar e convivencia “que dedique, polo menos, dúas horas semanais das complementarias fixas a realizar as funcións reguladas no artigo 3 terá dereito a percibir a parte do complemento específico correspondente á función titorial e outras funcións docentes regulado na Orde do 17 de xullo de 2017 pola que se regula a percepción da compoñente singular do complemento específico por función titorial e outras función docentes”.

QUEN DEBERA EXERCER A COORDINACIÓN?

Se a pandemia COVID deixou pegadas psicolóxicas negativas nos menores cunhas consecuencias terribles, quen sería o ou a profesional máis acaída para tratar este punto? Que figura sería a idónea para mellorar o benestar psicolóxico dos menores? Quen pode solucionar os momentos negativos da convivencia dentro dos centros escolares?  “A análise que fai a Xunta sobre a convivencia nos centros educativos é un bulo, non existe unha análise da convivencia en centros escolares” di Fernando Lacaci de ANPAs. “Existe un número longo de centros carentes dun plan de convivencia” apunta Lacaci.

Isto último leva ao presidente de ANPAs Galegas a indicar que “a xestión da convivencia nos centros debera estar máis vixiada pola Consellería de Educación con maior formación en todo o profesorado”. A cuestión é que o coordinador de benestar e convivencia vai ter que buscar equilibrios entre alumnado, centro e familias. “Non existe a formación para as familias” pon como exemplo de carencia José Manuel Fuentes. Esa formación debera ser impartida por algunha figura especializada, mais de momento non se perfilou quen e como. Os mesmos sindicatos din sentir que toda a responsabilidade recaerá no profesorado, “a Consellería presupón que con 37´5 horas por semana hai xente con tempo de sobra, horas onde non traballa e isto non é así”.

A Xunta non acaba de entender que isto (crear figura de coordinador de benestar) é un gasto a maiores e din que xa se está aplicando cando non é certo” apunta Lacaci. “É discutible que o coordinador teña que saír do profesorado, debera saír dos departamentos de orientación unha persoa cun perfil definido para esa función”.

“A maioría de orientadores e orientadoras son psicólogas, tamén hai profesorado con formación neste terreo, o problema é a falta de tempo para tratar todos os problemas debidamente” di Suso Bermello. “A resposta debera ser o reforzo dos orzamentos para a contratación de máis  persoal, pola contra, o habitual é tirar do profesorado que xa hai no centro”. “En Asturias formaron 400 persoas para esta nova tarefa e aquí pretenden iniciar o curso que vén sen persoal formado, á parte que unha responsabilidade como esta necesita de liberación de horario lectivo” di Julio Díaz.

A formación tamén son horas a maiores para o profesorado e non son remuneradas pois a Xunta di que a formación entra no horario laboral” sinala Sandra Montero. “Se buscamos unha educación de calidade non se debe aumentar o número de tarefas sobre o profesorado e menos sen formación previa”. Montero apunta ademais que outras CC.AA  están aplicando 3 horas de coordinación dentro do horario lectivo.

Dito todo isto, o anteproxecto da Xunta sinala o seguinte: "Tendo en conta que as funcións da persoa coordinadora de benestar e protección establecidas na Lei orgánica 8/2021, do 4 de xuño, xa viñan sendo realizadas nos centros docentes da Comunidade Autónoma Galega a través do desenvolvemento do Plan de convivencia, co apoio da dinamización de convivencia, é preciso acomodar esta nova figura ao marco normativo do sistema educativo galego. Así, baixo a denominación de persoa coordinadora de benestar e convivencia regúlase a figura que asume as funcións de coordinación de benestar e protección e de dinamización de convivencia”.

O curso 2023-2024 dará paso a un intento de frear problemas de convivencia e benestar psicolóxico entre o alumnado. Aínda así, desde os sindicatos do sector educativo non saben como se poderá aplicar a nova lexislación sen unha formación previa para poder asumir competencias e tarefas que abranguen un abano moi amplo de temas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta