Fin de semana de sol en Galicia pero lonxe da onda de calor do resto do Estado

As altas temperaturas empezarán a remitir o domingo, cando poderían cubrirse os ceos na metade norte pola entrada de néboas

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2023 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

Galicia vivirá unha véspera e un día de San Xoán de temperaturas altas, aínda que afastadas dos valores extremos que experimentarán noutros puntos do Estado, aínda que os termómetros poderán superar os 35ºC na conca do Miño ourensán.

A influencia dun anticiclón sumada á entrada dunha masa de aire cálido procedente do norte de África elevará as temperaturas este venres e, especialmente, durante a xornada do sábado, segundo as predicións de Meteogalicia, que aclaran que o que vivirá Galicia non será unha onda de calor, senón un fenómeno propio da tempada estival.

Este venres, as temperaturas roldarán os 30 graos no interior e serán algo máis suaves na costa. En Ourense, espéranse máximas de 34ºC na cidade e algo máis elevadas noutros puntos da conca do río Miño.

O mercurio subirá o sábado un pouco máis de forma xeneralizada, con boa parte do territorio galego superando os 30ºC. De feito, a conca do Miño estará en aviso amarelo por temperaturas que, durante as horas centrais do día, elevaranse por encima dos 36ºC.

Bañistas no encoro de Castrelo de Miño
Bañistas no encoro de Castrelo de Miño | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press

NOITE DE SAN XOÁN

Ante a noite de San Xoán que encherá de fogueiras e sardiñas toda Galicia, as previsións apuntan a temperaturas agradables, aínda que convén non esquecerse dalgunha peza de abrigo, xa que podería haber contraste entre a calor que predominará durante o día e a caída de temperaturas da noite.

CAMBIO A PARTIR DO DOMINGO

As altas temperaturas comezarán a remitir a partir do domingo, cando se espera a entrada de bancos de nubes e néboas na metade norte da comunidade, unha situación da que, segundo as predicións de Meteogalicia, escapará o sur de Galicia, onde se manterán os ceos despexados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta