Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/06/2023 | Actualizada ás 14:11
O xulgado de instrución número 3 de Santiago citou ao ex director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, o próximo 21 de setembro, en calidade de investigado en relación coa explotación de San Finx, en Lousame.
De acordo coa dilixencia de ordenación, á que tivo acceso Europa Press, están tamén chamados a declarar para ese día outros dous investigados.
En declaracións a Europa Press, o avogado Francisco Igleias, que representa á confraría de Noia, personada nesta e outras causas relativas á mina e que tamén afectan a Tahoces, sinala que neste caso o ex alto cargo declarará en setembro en sede xudicial en relación a un suposto delito de falsidade en documento público.
En concreto, foi chamado xunto a dous funcionarios que no seu día estaban ao seu cargo, explica a confraría nun comunicado de prensa. Supostamente, segundo indica, asinaron informes "con falsidades" relativas ás presas mineiras abandonadas e á contaminación existente.
A confraría de Noia está personada noutras dúas causas penais contra funcionarios e altos cargos de Augas de Galicia e contra a propia empresa mineira australiana. Agora, segundo sinala, o Xulgado de Instrución número 3 de Santiago citou a Tahoces en calidade de investigado por "varios delitos de falsidade documental relativos ás minas".
O mesmo auto chama a outros investigados: o xefe de servizo de enerxía e minas na Coruña e un dos funcionarios do mesmo departamento, segundo apunta o depósito.
"PRETENDÍAN BENEFICIAR Á EMPRESA"
Estes informes, segundo afirma, "pretendían beneficiar á empresa concesionaria tentando facer pasar a presa de residuos mineiros de San Finx como parte das instalacións dunha central hidroeléctrica inexistente e, un ano máis tarde, relacionándoa cun muíño de millo".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.