Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2025 | Actualizada ás 15:41
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, e a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, mantiveron un encontro coa comisaria europea de Medio Ambiente, Jessika Roswall, no marco do Congreso do PP Europeo en Valencia, para reivindicar o "rigor" da Xunta na avaliación ambiental e xurídica de proxectos industriais. Respecto diso, Vázquez indicou á comisaria europea a importancia de que exista seguridade xurídica nas avaliacións ambientais para "frear o despropósito de certos grupos políticos que fan primar a súa ideoloxía fronte á lexislación vixente" en busca de "paralizar a implantación de toda a industria en Galicia".
Así mesmo, expresou que se convidou á comisaria a visitar Galicia para coñecer o traballo da Xunta, á vez que pediu un "trato igualitario" cun "control exhaustivo" nas transposicións que "ten que facer o Goberno español". En materia eólica, os populares tamén esperan que a xustiza comunitaria poña fin a unha "parálise inédita", xa denuncian que Galicia está a perder a oportunidade de xerar 2.574 megawatts de enerxía limpa desde Galicia. O PPdeG apunta que hai 140 parques autorizados cunha potencia de máis de 3.150 megawatts á espera de entrar en funcionamento, dos cales 98 están afectados por recursos xudiciais e administrativos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.