Toda a vontade, todos os votos

Teño na casa unha chea de fotografías que me lembran distintos momentos da miña vida. Moitas delas son coa miña parella, fotografías en lugares que visitamos: Praga, a Costa de Morte, Porto... Teño moitas outras fotografías de graffitis tiradas en Quito, Welllington, Madrid, Lugo... Cada vez que reparo nalgunha desas imaxes podo recordar a viaxe que nos levou ata alí.. os paseos, os restaurantes, as conversas... as persoas que coñecemos, as sorpresas que nos atopamos, as risas...

Por Emilio Martinez | A Coruña | 27/06/2023

Comparte esta noticia
Tamén teño na casa outra foto. Non a saquei eu. Recorteina dun xornal hai moitos anos. O paso do tempo vai amarelando o papel, pero alí está. Tamén é unha foto para recordar. É unha foto dura. A teño alí, no meu estudio, nun lugar visible. Esa foto lémbrame que ás veces o peor pasado volta, que o mal está mais preto de nos do que semella, que nunca debemos dar por gañada a paz ou a xustiza. Esa foto recórdame que os dereitos hai que defendelos, que nunca debemos baixar a gardar.
 
Aos meus amigos e amigas da esquerda estes días dígolles moi en serio, aínda que algúns o toman un pouco a broma, que deberían buscar os resultados das eleccións municipais en Huesca, imprimilos e pegalos no espello no que se miran cada mañá. Os resultados son coñecidos e merecen ser recordados: Podemos, 1.149 votos, 4,68%. 0 concelleiros. Contigo Huesca, 1.098 votos, 4,47%. 0 concelleiros. Chunta Aragonesista, 1.088 votos, 4,43%, 0 concelleiros; Equo, 1.055 votos, 4,3%, 0 concelleiros. Case 4.400 votos, un 18% dos votos, 0 concelleiros. A incapacidade das organizacións da esquerda para entenderse agasalla á dereita cunha alcaldía. É o caso extremo dos que coñezo. Pero como sabemos a carón temos outros: A Coruña... onde as mais de 10.000 persoas que votaron a Marea Atlántica e a Podemos quedaron sen representación... E non lle botemos as culpas ao sistema electoral... que é, nin mais nin menos, que o mesmo sistema que permitiu a alcaldía de Marea Atlántica, ou a Compostela Aberta, en 2015... Dos efectos que a división causa non será que non estean avisados os que toman as decisións nas organizacións políticas... lembrade Lugo en 2019... case un dez por cento de votos repartidos entre tres forzas: Lugonovo, Podemos e Esquerda Unida... Pero nada se aprendeu daquela. Si miramos outro caso, Ferrol 2023, unha das grandes vitorias do Partido Popular en Galicia, podemos ver que a suma de PP e Vox é do 48,25% dos votos, a suma das catro candidaturas de esquerdas (PSOE, BNG, Ferrol en Común e Podemos) é do 49,32%... A división da esquerda agasalla á dereita con alcaldías e poder... 
 
Parece que agora, despois dun dos maiores revolcóns da esquerda e sabendo que o que pode vir é aquelo co que non contábamos hai apenas uns anos: a entrada no goberno do Estado dunha dereita retrograda, parafascista, antidemócrata, xenófoba, homófoba, ultraliberal, que deixa case como un perigoso progre a Mariano Rajoy, a esquerda quere emendar a toda presa os erros dos últimos anos. Benvida a sabía decisión, aínda que ben se podería ter rectificado un chisco antes. 
 
Hoxe para poder avanzar no fortalecemento dun Estado con perspectiva social e inclusivo, que teña en conta o estado de emerxencia climático nas súas políticas, un Estado que dea pasos na consolidación de dereitos recentemente recoñecidos, que promova unha política de desenvolvemento económica sustentable, baseada no coñecemento, que avance no recoñecemento do carácter plurinacional e preciso que o 23 de xullo o resultado electoral posibilite un goberno de coalición entre o PSOE e Sumar, co apoio parlamentario do nacionalismo progresista e centrista galego, vasco e catalán.
 
Se en vez de estar empadroado en Santiago de Compostela estivera empadroado en  Madrid, Sevilla, Barcelona, Zaragoza... o meu voto non tería dúbida, mais alá da simpatía  persoal que tivera polas persoas que encabezan, ou conforman, as respectivas listas, o meu voto sería para Sumar. O 23 de xullo ningunha persoa progresista, mesmo ningunha persoa que teña un mínimo aprecio á democracia, pode quedar na casa. E ningún voto pode perderse.
 
Pero eu voto en Santiago, circunscrición electoral da Coruña. Teño moitas dúbidas de que en Galicia Sumar teña hoxe por hoxe algunha opción de acadar representación, sequera de chegar ao mínimo para acadar representación. En 2019 Vox non acadou deputado co 8,3% dos votos, o BNG precisou un 9,59% para acadar o seu.
 
O voto do 23 hai que decidilo co corazón, pero tamén coa cabeza. Con moita cabeza. Cos datos na man, despois de que EU e Podemos rebentaran a En Marea as posibilidades de que o mes que ven Sumar acade representación en Galicia son moito mais que incertas, son simplemente unha quimera. Unha ilusión que pode facer moito dano. Unha ilusión impulsada interesadamente por aqueles que saben que a división do voto da esquerda é a vitoria da dereita.
 
Calquera persoa que considere que o goberno de coalición é a mellor opción para Galicia e para España, ten que decidir, en Coruña e Pontevedra, entre o BNG e o PSOE, e en Lugo e en Ourense semella que a única opción é concentrar o voto no PSOE, para pechar o paso a unha maioría do  coalición PP-Vox.
 
Tal vez o noso corazón nos pida outra cousa. As organizacións de esquerda (que son as que a min me importan) á hora de confeccionar as listas non sempre nolo poñen doado. Pero, cando votemos o 23 de xullo, debemos facer que se impoña a cabeza. Temos que poñer toda a nosa vontade en combater a resignación e temos que facer que todos e cada un dos votos conten para unha maioría progresista.

Votación en urna nunhas eleccións
Votación en urna nunhas eleccións | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Emilio Martinez (Ribeira, 1965). Entre os anos 1998 e o 2005 foi presidente da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. Na actualidade forma parte do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento como experto independente. Licenciado en Ciencias Económicas a súa carreira profesional está ligada, na súa meirande parte, a diversas administracións públicas, como a Universidade de Vigo, na que foi vicexerente de Recursos Humanos, a xerencia da Sociedade Galega para o Desenvolvemento Comarcal, o concello de Lugo ou a Universidade de Santiago de Compostela, na que actualmente é director de área, no ámbito, logo de exercer en distintos períodos como técnico superior de Xestión no ámbito da I+D+I ou vicexerente no campus de Lugo. Ten colaborado en distintas publicacións como “A Nosa Terra”, “Tempo Exterior” ou a “Revista Galega de Emprego”.