Gemma Malvido e Vanessa Casteleiro, gañadoras do III Premio 'Somos esenciais'

Por Galicia Confidencial | Compostela | 27/06/2023 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

Gemma Malvido Otero e Vanessa Casteleiro Martinez son as gañadoras do III Premio de Xornalismo 'Somos Esenciais', organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración con Gadis, polas reportaxes "Una tarde en Teixeiro: «¿Se porta bien?»", "Con ganas de salir adelante" e "Una mañana en Teixeiro: Deporte, trabajo, estudio y manualidades para volver a la calle", publicadas en La Opinión A Coruña. O xurado concedeu tamén unha mención de honra a María de La Huerta, do mesmo xornal, polo traballo "Suicidio de mayores, un drama silenciado".

A xornalista Gemma Malvido
A xornalista Gemma Malvido | Fonte: Acampa

O premio, dotado con 1.500 euros, foi convocado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, en colaboración con Gadis. Os membros do xurado destacaron da serie premiada "o respecto con que é tratada a vida nun centro penitenciario sen caer no sensacionalismo" e valoraron que as tres reportaxes "levan un fondo traballo de investigación e dedicación detrás que sensibiliza aos lectores cunha realidade, esperanzadora, pouco coñecida para o resto da sociedade".

Así mesmo, concedéuselle unha mención especial como finalista á xornalista María de La Huerta por "Suicidio de mayores, un drama silenciado", un traballo publicado o 17 de xullo de 2022 en La Opinión A Coruña, do que o xurado salientou a súa "impecable execución" e que "pon en práctica as recomendacións profesionais máis recentes sobre a necesidade de informar sobre o suicidio e facelo de maneira responsable".

Os membros do xurado quixeron deixar constancia da alta calidade do total dos 25 traballos presentados ao galardón, que confirman a necesidade de manter nos medios unha información social de calidade que achegue as realidades sociais a toda a poboación. A organización realizará un acto de entrega do premio nunha data próxima aínda por concretar, da que se dará cumprida información a través das canles habituais. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta